O futuro estudantado universitario coñece a USC

Máis de 1.500 estudantes de 34 centros de ensino secundario de toda Galicia visitan esta semana os campus de Compostela e Lugo dentro dos Encontros na zona USC 2010. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte’ que pretende deste xeito dar a coñecer aos futuros estudantes a estrutura e os servizos da institución académica.
En Compostela percorren polas mañás os campus Norte e Sur así como outros espazos que integran o patrimonio histórico da Universidade, o Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ ou o Centro Superior de Hostalaría de Galicia.
Campus de LugoXa en Lugo son preto de 150 estudantes de catro institutos das provincias de Lugo e A Coruña os que participan neste programa de visitas que, acompañados de alumnos-titores, percorren diferentes centros e facultades segundo o seu interese polas titulacións en Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais, Ciencias Xurídicas e Sociais, Humanidades ou Ensinanzas Técnicas.
A PonteO programa ‘A Ponte’ pretende acercar a universidade e os seus servizos aos estudantes de ensino medio e á sociedade en xeral, transmitíndolles información e respondendo as dúbidas que van desde o acceso a universidade, a propia matrícula ou número de prazas por titulacións ata as bolsas ou saídas laborais das diferentes carreiras.