Pasar al contenido principal

A USC impúxolle a súa Medalla de Ouro ao Consorcio de Santiago

É a máxima distinción que pode outorgar a institución docente

A USC impúxolle este mércores 17 a súa máxima distinción, a Medalla de Ouro da Universidade, ao Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela nun acto que presidiu o reitor Senén Barro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Esta distinción, que recolleu o presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, concédese a persoas ou entidades que sobresaen dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución universitaria.
No caso do Consorcio compostelán, a Medalla quere subliñar a súa colaboración coa Universidade de Santiago, ben mediante actuacións directamente desenvolvidas ou ben mediante apoio económico, no eido das infraestruturas e da intervención cultural. A imposición significa, segundo o reitor compostelán, un recoñecemento a toda unha vida de compromiso coa USC.
Cualificándoo como “paradigma de organismo interadministrativo”, o reitor agradeceu a sempre atenta colaboración do Consorcio ao “acubillar con mimo as nosas propostas”. Para Barro, cidade e universidade son dous espazos permanentemente conectados “dende hai cinco séculos”, engadindo que “o que é bo para Santiago o é para a USC”.
Neste mesmo senso, Sánchez Bugallo lembrou que o Consorcio “non pode dar as costas a un elemento fundamental da cidade”, o que explica a permanente sintonía de ambas entidades por riba das persoas que as representen en cada momento.
Tal e como se puxo de manifesto no acto, o Consorcio ten mostrado dende a súa creación en 1992 unha especial sensibilidade coa institución docente compostelá. Este organismo implicouse no desenvolvemento da Casa Europa, do Centro de Estudos Avanzados e do Xardín Botánico. Tamén é subliñable o apoio en diversas intervencións para a restauración do Paraninfo da USC e da Igrexa da Universidade ou para a realización de reparacións e melloras no Colexio de San Xerome.
Actualmente, o Consorcio compostelán atópase igualmente implicado na nova sede do Museo de Historia Natural Luis Iglesias, cuxa primeira pedra colocaron a finais do pasado ano ambas institucións na Finca de Vista Alegre.
Outro capítulo no que se ten manifestado unha estreita cooperación é no terreo científico e cultural, a través da edición de publicacións conxuntas, organización de exposicións, ciclos musicais e outras iniciativas como o proxecto Urbe ou o Programa Conciencia. Respecto deste último, tanto o reitor como o presidente do Consorcio coincidiron en salientar a dimensión desta iniciativa por ser un referente en España que está a permitir que Santiago sexa unha “cidade das culturas e do coñecemento” nun senso estrito.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2010.