'Músicas na vidreira' continúa en Lugo cun concerto de piano, violín e clarinete
Alumnos da Escola de Música Cantarela e do Conservatorio de grao medio de Galén serán os protagonistas do terceiro concerto do ciclo ‘Músicas na vidreira’, unha iniciativa de Lugo Cultural que terá lugar este luns 22 ás 14:00 horas na vidreira da Facultade de Veterinaria de Lugo.
Neste recital poderanse escoitar as pezas Sonatina nº1 Opus 36 K de Mozart a cargo de Beatriz Corredoira (piano); Ave Verum, taménde Mozart, da man de Uxía Carreira (violín), Balder Rivas (violín) e Ana Arias (piano); Cisne de Saint-Saëns, interpretada por Paula Monte (clarinete); e Por una cabeza de Carlos Gardel, da man do trío composto por Paula Monte, Balder Rivas e Daniela Lourenço. Apoio aos novos intérpretesO ciclo ‘Músicas na vidreira’ naceu este curso co obxectivo de complementar a oferta da programación de música clásica de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ao tempo que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, poden ofrecer actuacións musicais duns trinta minutos de duración os luns aos mediodías na vidreira de Veterinaria.
Nesta actividade participan o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons.
As persoas interesadas en obter máis información sobre este ciclo ou resto da programación de Lugo Cultural poden facelo a través da súa web http://www.lugocultural.es/.