Preséntase na Facultade de Ciencias da Educación a exposición "Un mundo de enerxía" destinada a promover un consumo enerxético eficiente entre o sector universitario
A exposición ‘Un mundo de enerxía’ permanece na actualidade aberta á comunidade universitaria e ao público en xeral na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) ata o próximo 5 de abril. O alcance desta mostra analizarase o vindeiro luns 22 nunha rolda de prensa na que intervirán o decano da Facultade Lois Ferradás, e Emérito Freire Sambade, do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega.
No encontro cos medios, previsto para ás 11:30 horas no propio centro compostelán, estarán presentes ademais o presidente da Comisión Cultural da Facultade e vicedecano, Xesús Rodríguez; o profesor de Didáctica das Ciencias Experimentais, Juan Ramón Gallastegui; e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco.
Ideada como un espazo didáctico e interactivo sobre a enerxía, esta mostra do Inega posúe un marcado carácter pedagóxico na súa forma, estética e contidos co fin de orientala á divulgación do mundo enerxético entre a sociedade. A través de diferentes medios, a súa vontade é axudar a comprender a complexidade dos procesos e infraestruturas necesarias para levar a cabo tan cotiás como acender unha lámpada ou empregar un vehículo.