Pasar al contenido principal

A programación do XVI Festival Internacional de Teatro Universitario da USC comeza o 12 de abril

As aulas de teatro das universidades de Santiago e de Zaragoza, a Escola Superior de Arte Dramática de Asturias, a Escola de Teatro de Narón, In Vitro Teatro (Universidade de Xaén) e Teatro Universitario do Minho son as compañías que van protagonizar a décimo sexta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC.
Os detalles da programación deste Festival Internacional presentáronos este martes 23 en Fonseca a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, o director da Aula de Teatro, Roberto Salgueiro, e o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro. Serán un total de sete representacións entre os días 12 e 18 de abril, todas elas no Salón Teatro, a partir das 21:00 horas, con entrada gratuíta, previo paso polo despacho de entradas que permanecerá aberto ao público dende as 18:30 horas.
Para vicerreitora de Cultura, o festival evidencia “a enorme vitalidade” do teatro na institución académica compostelá, e a aposta da Vicerreitoría cara esta manifestación artística, á que se apoia coa organización de mostras, cursos sobre as súas diferentes facetas técnicas e prestando asesoramento ás preto de doce compañías estables que actualmente se contabilizan na comunidade universitaria.
Elvira Fidalgo confía en que a calidade dos textos que se van levar a escena nesta edición do Festival Internacional debería permitir superar as cifras de espectadores do pasado ano, cando se rexistraron máis de 1.500 asistentes ás representacións.
A programación levantará o pano o día 12 de abril coa Compañía da Aula de Teatro da USC que representará‘As cuñadas’ de M. Tremblay, sobre unha versión libre de Roberto Salgueiro. Ante a boa acollida que a representación colectou na súa estrea no mes de decembro, esta mesma función terá lugar o día 13 de abril.
A Escola Superior de Arte Dramática de Asturias tomará o relevo o día 14 de abril coa posta en escena de ‘Noite de Reis’ de William Shakespeare, para continuar o día 15 coa Escola de Teatro de Narón que subirá ao escenario ‘Comendo pementos de padrón con Tarantino’ de Leandro Lamas Ermida.
‘O porvir está nos ovos’ de Eugène Ionesco, será a estrea do día 16, da man da Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza. Seguiralle, o 17 de abril, In vitro teatro (Universidade de Xaén) achegando unha nova versión de ‘Romeo e Xulieta’ de William Shakespeare. O Festival rematará o 18 de abril cunha proposta chegada dende Portugal, a cargo de Teatro Universitário do Minho, que escenificará ‘O jornalista da vosa beleza’, de Joao Negreiros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.03.2010.