Pasar al contenido principal

Clausurouse na USC a Conferencia sobre Universidades emprendedoras organizada pola Presidencia Española da UE

Logo dunha intensa xornada de traballo no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago, hoxe clausurouse a Conferencia sobre Universidades emprendedoras da Presidencia Española da Unión Europea que este luns inaugurou o ministro de Educación, Ángel Gabilondo.
Na conferencia establecéronse as bases para desenvolver posibles vías para aplicar recomendacións concretas destinadas a establecer medidas, políticas e incentivos adecuados que favorezan o diálogo e a cooperación entre o mundo académico e o empresarial, así como un mellor entendemento da cultura dos negocios nas universidades emprendedoras e da cultura da universidade nas empresas científicas.
Dos resultados estará moi pendente a Presidencia española, quen terá “moi en conta”, advertiu onte o ministro, as conclusións ás que se cheguen neste encontro. E non só conclusións senón tamén recomendacións, boas prácticas e puntos de partida para un mellor desenvolvemento das fórmulas que combinan oferta tecnolóxica e demanda do mercado no camiño cara á innovación tecnolóxica. En definitiva, servirá para elaborar material que sirva para novos traballos da Comisión e para unha posible decisión ou resolución do Consejo en canto a fomentar a cooperación entre os Estados Membros e a coordinación das súas políticas.
A Conferencia clausurouse nun acto no que ademais do reitor Senén Barro participaron o subdirector xeral de Modernización e Promoción da Investigación Universitaria da Dirección Xeral de Relacións Internacionais do Ministerio de Educación, Luis Delgado; o director xeral de Transferencia de Tecnoloxía e Desenvolvemento Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Arturo Azcorra; e a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica da Consellaría de Educación, Mª Jesús Tallón Nieto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.03.2010.