Pasar al contenido principal

Reitores chinos e españois reúnense en abril en Santiago para profundar na colaboración en materia de I+D

O III Foro de Reitores Hispano-Chino celebrouse anteriormente en Shanghai e Madrid

Do 12 ao 13 de abril terá lugar en Santiago o III Foro de Reitores Hispano-Chino co que se dá continuidade aos celebrados en Shanghai (2007) e en Madrid (2005) baixo o auspicio dos Ministerios de Educación e Asuntos Exteriores dos dous países.
Para perfilar o encontro en Santiago este xoves a USC recibiu unha delegación de China formada pola subdirectora do Instituto Confucio, Ma Jian Fei; o director da Oficina de Asuntos Europeos do Ministerio de Educación, Yang Xiao Chun; e o director para o Intercambio Internacional do mesmo Ministerio, Fu Bo.
Terceiro foroNesta ocasión reuniranse en Santiago os reitores de 25 universidades chinas e de máis de trinta universidades españolas que tentarán impulsar a cooperación entre as universidades de ambos países e reforzar os intercambios educativos en materia de ensinanza superior. No marco da súa polí­tica de fortalecemento das colaboracións internacionais en materia de educación superior, a USC acolle este terceiro foro coa convicción de que os compromisos de ‘igualdade, calidade e cooperación’ establecidos na pasada reunión de Shanghai se verán reforzados coas achegas de todas as universidades participantes.
O evento enmárcase dentro dun proceso crecente de achegamento cultural, tecnolóxico e turístico que se inicia en 2003 coa celebración do Foro Hispano-Chino, continuando en 2007 co Festival da Cultura China en España e o Ano de España en China.
Ano na Lingua China en EspañaA inauguración oficial será o 12 de abril nun acto no que está prevista a asistencia do viceministro de Educación de China, o secretario de Universidades do Ministerio de Educación español, o presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e o reitor da USC.
Precisamente ese acto servirá para inaugurar tamén oficialmente o Ano da Lingua China en España. Nun encontro cos medios de comunicación Yang Xiao Chun quixo salientar a importancia de dedicarlle un ano á lingua, “punto de intercambio principal entre as distintas culturas”.
Edicións pasadasNas xuntanzas anteriores, especialmente na de Shanghai, consolidáronse os instrumentos para potenciar a fluidez nas relacións académicas e de mobilidade. A CRUE recolle no seu informe de 2007 os temas máis relevantes destacando o recoñecemento mutuo de estudos, a situación actual e as políticas de atracción para os estudantes, a cooperación académica entre universidades e a formación de profesionais de alta categoría tanto en China como en España.
Ademais, nesa visita a China asinouse o Acordo de Recoñecemento de Títulos e Memorando de entendemento en materia educativa entre os Gobernos español e chino. Os avances dese acordo permiten agora traballar noutros asuntos, como serían os retos da universidade como centros de coñecemento e innovación e as respostas ás demandas da sociedade.
Innovación e transferencia de coñecementoDe maneira concreta, no III Foro reflexionarase sobre a transferencia do coñecemento para axudar ao desenvolvemento social e económico; a apertura de centros de creación e experimentación de investigación a novos axentes sociais, especialmente as empresas, para compartir unha cultura de I+D+I; o establecemento de obxectivos de desenvolvemento da investigación cara a necesidades máis relacionadas coas demandas da sociedade; a creación de novas estruturas de innovación baseadas na colaboración universidade-empresa, os campus de excelencia, etc; e a promoción dos investigadores e proxectos conxuntos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.03.2010.