Pasar al contenido principal

Eugenia Banet recolleu o Premio Humanitas

Eugenia Banet López de Rego, fundadora e actual tesoureira da Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL), recolleu este martes en Santiago o VI Premio Humanitas que convocan o Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAUSC). Coa entrega do premio, recoñécese o traballo de Eugenia Banet na Unidade de Desordes Alimentación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Na sesión celebrada no Consello Social a USC, a premiada recibiu a insignia de prata da Asociación, un diploma acreditativo e un premio en metálico de 3.000 euros.
No acto de entrega estiveron presentes o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos, o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; e o presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Perfecto Yebra Martul-Ortega.
O galardón vén subliñar o importante labor desenvolvida por Banet como traballadora social da Unidade de Desordes da Alimentación pero tamén en ABAGAL, asociación que logrou chegar ás familias de persoas con trastornos alimentarios non específicos que necesitan moitas veces axuda para poder convivir con este problema e “tamén crear e desenvolver un ambicioso e atractivo proxecto de voluntariado social”, segundo se puxo de manifesto a propia premiada.
Ao premio Humanitas, unha iniciativa que recoñece as accións solidarias levadas a cabo por persoas físicas, colectivas ou asociacións, podían optar todos os membros da comunidade universitaria da USC así como os socios da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos. Para acceder á convocatoria debíase presentar unha memoria detallada da candidatura, que debía estar avalada por dous membros do Consello Social, do Consello de Goberno da Universidade ou da Asociación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2010.