Expertos en nutrición e saúde presentan en Lugo as claves para unha vida saudable
‘Receitas para unha vida sa’ é o nome das xornadas de educación para a saúde que comezan este venres 16 ás 9:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. O encontro, que rematará o domingo 18, está organizado polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 2010.
O obxectivo destas xornadas, dirixidas a estudantes de todas as titulacións e a calquera persoa interesada nos temas da educación, alimentación e saúde, é promover estilos de vida saudables incidindo na función preventiva que ten a formación en educación para a saúde.
Enfermeiros, psiquiatras, psicopedagogos e educadores impartirán, xunto a representantes da Asociación de Celíacos de Galicia, a Asociación de loita contra as enfermidades renais Alcer-Lugo ou a Confederación Galega de Minusválidos (Cogami), unha serie de relatorios e obradoiros nos que se ofrecerá aos asistentes unha visión global e os argumentos precisos para poder pór en práctica un correcto estilo de vida.
Estas actividades animarán aos asistentes a reflexionar sobre o problema da sobrealimentación, que se ten convertido nunha característica dos países desenvolvidos como o noso, e cómo incide no aumento de enfermidades cardiovasculares, a obesidade e outras doenzas que se presentan en forma de trastornos do comportamento alimentario, a anorexia e a bulimia.
Ademais, nas xornadas ‘Receitas para unha vida sa’ analizaranse situacións nas que coidar a alimentación resulta fundamental, como é o caso da enfermidade celíaca ou mesmo da insuficiencia renal, onde a dieta pode ser un elemento clave para que a medicación sexa eficaz.