Pasar al contenido principal

A internacionalización das Universidades, clave para os participantes no III Foro de Reitores Hispano-Chino

nova
nova
Á clausura este martes asiste o presidente da Xunta de Galicia

Os reitores de 24 universidades chinas e de máis de corenta españolas tentan impulsar estes días en Santiago de Compostela a cooperación entre ambos países e reforzar os intercambios educativos en materia de ensinanza superior. Baixo o auspicio dos Ministerios de Educación e Asuntos Exteriores dos dous países e da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), o III Foro de Reitores Hispano-Chino sinala a internacionalización das universidades como unha das claves para continuar avanzando en emprendemento e en transferencia de coñecemento, os dous piares sobre os que xira o encontro e polos que “apostan claramente” China e España, como indicou o reitor compostelán na inauguración.
Pero o foro trata ademais, comentou Barro, da cooperación e entendemento en docencia e investigación, das linguas e a cultura así como da responsabilidade social das Universidades. Por esa razón o conselleiro Jesús Vázquez cualificou o foro de “extraordinaria experiencia de cooperación aberta e planetaria”.
InternacionalizaciónPara o presidente da CRUE, Federico Gutiérrez-Solana, a internacionalización das Universidades anima á planificación dos sistemas educativos e á creación de redes universitarias, “moi necesarias”, que permiten “chegar máis lonxe que individualmente”. Tamén de internacionalización falou o secretario xeral de Universidades, Màrius Rubiralta, para quen é “necesaria se queremos alcanzar unha sociedade baseada no coñecemento”. O representante ministerial aproveitou o acto inaugural para situar a USC á cabeza en emprendemento.
Pola súa banda, o embaixador de China en España, Zhu Baugzao, explicou que o país que representa está a ser cada vez máis firme na súa política de apertura ao exterior, entendendo que “a cooperación e o intercambio son fundamentais para o desenvolvemento dos sistemas educativos”. Ademais, afirmou, “as universidades, futuro da sociedade, son quen dan continuidade ás relacións entre países”.
Da política educativa china falou tamén o viceministro de Educación da República Popular, Ping Hao, quen avanzou que o seu goberno ultima un documento programático que propón unha educación “xusta e de calidade” e que sirva para contribuír a dar solución a moitos dos problemas da sociedade actual.
Tras o acto inaugural tivo lugar unha conferencia plenaria a cargo de Eugenio Bregolat, actual embaixador de Andorra e gran coñecedor da sociedade e pensamento chinos. Na súa conferencia analizou o potencial de colaboración entre China e España desde unha perspectiva global e europeísta.
Sociedade do coñecementoNeste terceiro foro analízase a achega das universidades á innovación e á iniciativa empresarial responsables co fin de construír unha sociedade do coñecemento enmarcada nun novo modelo de crecemento económico sustentable e menos supeditado ás crises cíclicas.
Deste xeito, examinaranse as tendencias máis recentes en canto á valorización dos resultados das investigacións, as patentes universitarias e o camiño que leva a estratexia de innovación que combina a oferta tecnolóxica coa demanda do mercado.
Programa do martesO Foro continúa este martes con diversas conferencias e actividades nas que se reflexionará acerca da cooperación entre as universidades chinas e españolas e se estudarán casos e novas iniciativas para promocionar a cooperación universitaria. Discutiranse as posibilidades de cooperación en cultura e lingua e colaboracións académicas e científicas.
Na sesión da mañá, no Colexio de Fonseca, trataranse cuestións relacionadas coa internacionalización das universidades emprendedoras, cos intercambios culturais e a formación en linguas e cos proxectos docentes e de investigación comúns. Xa pola tarde trasladaranse ao Centro de Estudos Avanzados para tratar da responsabilidade social das universidades e a presentación das conclusións.
O encontro clausurarase ás 17:00 horas nun acto ao que asisten o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez-Feijoo; o reitor Senén Barro; o secretario xeral da Asociación China de Intercambios, Bo Jiang; o director do Departamento de Cooperación Internacional e Intercambios do Ministerio de Educación de China, Xiaochun Yang; e o vicerreitor de Política Internacional da USC, Agustín Merino.
ParticipantesNo foro participan 64 reitores e vicerreitores de universidades chinas e españolas. A maior parte das asiáticas que asisten manteñen colaboracións con universidades españolas. Das españolas, catro contan con Institutos Confucio -Granada, Valencia, Autónoma de Madrid e Autónoma de Barcelona-Universidade de Barcelona- onde se ensina e difunde lingua e cultura chinas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2010.