O III Foro de Reitores Hispano-Chino péchase coa firme vontade de seguir cooperando no eido educativo
Os reitores de Universidades de España e China intercambian estes días en Santiago de Compostela as súas experiencias no campo da educación e máis concretamente do emprendemento para seguir avanzando na colaboración non só entre as súas institucións de educación superior senón tamén entre as dúas sociedades, favorecendo o entendemento e intercambio cultural e lingüístico.
Os responsables universitarios avanzaron na sesión deste martes a súa vontade de colaborar na promoción de medidas políticas, incentivos e instrumentos eficaces para a cooperación co fin de acadar a mellora do coñecemento dos sistemas universitarios e da oferta educativo-investigadora.
Os preto de 70 reitores e responsables de 24 universidades chinas e de máis de corenta españolas tentan así reforzar os intercambios educativos en materia de ensinanza superior. Para iso, este martes estudáronse casos concretos e novas iniciativas, ademais de discutirse as posibilidades de cooperación en cultura e lingua e colaboracións académicas e científicas. De maneira concreta tratáronse cuestións relacionadas coa internacionalización das universidades emprendedoras, cos intercambios culturais e a formación en linguas, cos proxectos docentes e de investigación comúns e coa responsabilidade social das universidades.
O encontro clausurouse este martes ás 16:30 horas nun acto ao que asisten o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez-Feijoo; o reitor Senén Barro; o secretario xeral da Asociación China de Intercambios, Bo Jiang; o director do Departamento de Cooperación Internacional e Intercambios do Ministerio de Educación de China, Xiaochun Yang; e o vicerreitor de Política Internacional da USC, Agustín Merino. Ao remate do acto, os asistentes trasladaranse ao Campus Vida, Campus de Excelencia Internacional, para visitar o CIBUS, o CIQUS e o Edificio Emprendia.
Crecente intereseO Foro desenvólvese nun marco de interese educativo en crecente desenvolvemento desde que en 2007 se asinara o Acordo de Recoñecemento de Títulos e Memorando de entendemento en materia educativa entre os Gobernos español e chino. No ámbito universitario obtivéronse avances apoiados no gran número de bolsas de intercambio, acordos interuniversitarios e actividades de coñecemento mutuo da lingua e cultura de ambos países.
Deste xeito, o Foro permite a consolidación das relacións con China no que se refire, entre outras cuestións, á compatibilidade entre os sistemas formativos para promover estudos conxuntos, á mobilidade para realizar actividades de docencia e investigación ou atraer inversións externas e ao desenvolvemento de proxectos de creación de coñecemento científico e tecnolóxico. Ademais, trátase de expandir a I+D+I propia en cada país para responder aos obxectivos da Sociedade do Coñecemento.
Búscase ademais a creación de redes institucionais que permitan a difusión e promoción do coñecemento dos países en cada contexto, a través das universidades, para a formación de recursos humanos que favorezan un maior marco de relacións para o desenvolvemento económico.