Pasar al contenido principal

A Compañía de Teatro do Campus de Lugo abre este mércores o Festival Internacional de Teatro Universitario na cidade

A programación continúa en Santiago coa Escola Superior de Arte Dramática de Asturias

A Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo inaugurará este mércores 14, ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire, a décimo sexta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario que se desenvolverá na capital luguesa ata o día 20, coa estrea da produción ‘Unha dúbida razoable’.
Esta peza é unha adaptación do director do grupo, Alberte Cabarcos, da serie televisiva ‘Doce homes sen piedade’ escrita polo norteamericano Reginald Rose no ano 1954 para a cadea de televisión CBS. Logo de ser representada con grande éxito en Broadway, a produtora United Artist decidiu levala ao cine da man do director novel Sidney Lumet e con Henry Fonda como protagonista indiscutible.
A obra relata a historia de nove cidadáns que se ven na obriga de exercer de xurado nun longo e complexo caso de homicidio en primeiro grao que se xulga nos tribunais de Nova York. Deben decidir sobre a culpabilidade dun rapaz de dezaoito anos acusado de, presuntamente, matar ao seu pai dunha coitelada no corazón. O ditame deberá ser alcanzado por unanimidade, e no caso de que se declare culpable, o acusado será condenado a pena de morte.
Logo de seis días de xuízo, os membros do xurado son levados a unha sala de deliberacións para tomar a decisión de xeito unánime. As distintas condutas dos personaxes farán que, xa dende o primeiro momento, se vexa que o acordo non vai ser doado.
O cartel desta obra compóñeno nove estudantes do campus lugués, Leni Prieto, Antón García, Xulia Varela, Rubén Pérez, Lili Claro, Alba Martín, Conchi Fernández, Carlos Megías e Elena Santidrián. Colaboran tamén profesionais como Sara Lage e Maru Calderón como responsables de vestiario e estilismo; Miguel Granero como encargado de ambientación e creación musical; e FotoSebe e LuzSonga como encargados da fotografía, a iluminación e o son.
Trala estrea no Festival Internacional de Teatro Universitario, a Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo levará a representación de ‘Unha dúbida razoable’ a Ourense, Pontevedra e Santiago.
Campus de SantiagoNo Campus de Santiago onde o Festival comezou o pasado luns, a Escola Superior de Arte Dramática de Asturias tomará o relevo este mércores 14 coa posta en escena de ‘Noite de Reis’ de William Shakespeare, para continuar o xoves 15 coa Escola de Teatro de Narón que subirá ao escenario ‘Comendo pementos de padrón con Tarantino’ de Leandro Lamas Ermida.
A cita será no Salón Teatro, a partir das 21:00 horas, con entrada gratuíta, previo paso polo despacho de entradas que permanecerá aberto ao público dende as 18:30 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2010.