Pasar al contenido principal

A USC profunda no cumprimento dos dereitos humanos laborais

Presenta a vindeira semana nun seminario a Iniciativa Internacional 'Asian Floor Wage'

Á debilidade normativa no cumprimento dos dereitos laborais engádeselle moitas veces a dificultade para establecer un control e esixir a responsabilidade xurídica destas empresas, que operan xa en distintos países e rexións onde teñen fragmentada a súa produción facendo así difícil o seu control. Un exemplo paradigmático desta deslocalización é o sector da confección.
Contra esta situación están a xurdir novas iniciativas e demandas dende distintos ámbitos para garantir eses dereitos aos gobernos e organismos internacionais e esixir un maior control das empresas deslocalizadas. Precisamente neste sentido se orienta o seminario ‘Dereitos humanos laborais: novas iniciativas na súa defensa’ que organiza o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.
Salario digno en AsiaNo encontro, que terá lugar entre o 23 e o 25 de abril e para o que aínda hai prazas, destacarase a Iniciativa Internacional Asian Floor Wage que se presenta por primeira vez en Galicia e en España co nome de ‘Campaña por un salario digno en Asia’ onde líderes sindicais e activistas laborais asiáticos se uniron para buscar unha estratexia de mellora das condicións das persoas traballadoras na industria da confección mundial.
A Alianza por un salario digno en Asia agrupa a un amplo abano de organizacións laborais de India, Bangladesh, Camboia, Indonesia, Sri Lanka, Tailandia, China e Hong Kong. Tamén están implicados sindicatos, ONG laborais, movementos que loitan contra os talleres clandestinos, grupos humanitarios de países setentrionais de Europa e de USA.
Ademais, no seminario trataranse as dificultades de garantir os dereitos humanos laborais, principalmente nos países do Sur nun contexto de globalización económica, e as iniciativas sociais de ámbito galego, estatal e internacional para o estímulo e participación activa da comunidade universitaria. Promoveranse así mesmo espazos de reflexión e diálogo para apoiar e impulsar iniciativas que garantan o cumprimento dos dereitos laborais no Norte e no Sur.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.04.2010.