A USC ofreceu en Lugo unha recepción oficial ao equipo de campo a través tras a súa participación nos Campionatos de España e do Mundo

Os integrantes do equipo masculino de campo a través da USC no Campus de Lugo, Carlos Villamor Castiñeira, Manuel Hurtado Sanjurjo e Nicolás Arrojo Fernández, foron recibidos este mércores 28 na Vicerreitoría de Coordinación do campus lugués polo vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero Latorre; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Marta Miranda; a vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académicas, Begoña Barreiro; o director da Área de Deportes da USC, Mariano García-Verdugo; o responsable da Área de Deportes no campus lugués, Jesús Castro; e o adestrador de atletismo Mariano Castiñeiras.
Con esta recepción oficial a USC recoñece o esforzo e o excelente traballo destes tres atletas, que compatibilizan o deporte cos seus estudos universitarios, e que veñen de representar á institución académica no Campionato de España de campo a través que se celebrou en Albacete a finais do mes de marzo e no que obtiveron resultados salientables.
ResultadosNesa proba nacional, Carlos Villamor clasificouse en cuarto lugar e Manuel Hurtado fíxoo en sexto. De non ser porque Nicolás Arrojo se tivo que retirar a causa dunha torcedura de nocello, o equipo da USC tería acadado o Campionato de España por equipos.
Logo desta competición, Carlos Villamor foi seleccionado para representar a España no Campionato do Mundo que se celebrou en Kingston (Canadá) o pasado 11 de abril. Para dito campionato son convocados os tres primeiros clasificados no Campionato de España pero o atleta da USC foi incluído ao exceder o primeiro clasificado a idade límite de participación, que se sitúa nos 28 anos. Os tres atletas uníronse a outros tres seleccionados con anterioridade por marca.
Na proba internacional, Carlos Villamor rematou no posto vixésimo noveno, e a selección española fíxose co Subcampionato do mundo a tan só un punto dos selección xaponesa, que acadou o ouro.
Nova cita co deporteOs representantes da USC aproveitaron a recepción ao equipo de campo a través para anunciar a proba ‘Dez quilómetros universitarios da USC-Campus de Lugo’ que o vindeiro 30 de maio se celebrará no entorno do Pazo de Feiras e Exposicións da capital luguesa. Trátase dunha proba de carácter popular na que se agarda a participación dunhas seiscentas persoas.
Esta carreira encádrase na Liga Universitaria de carreiras en ruta de dez quilómetros, que xa tivo este ano académico probas nos campus de Vigo e Ferrol. O prazo de inscrición para participar está aberto ata o 25 de maio.