Un ensaio en inglés do catedrático José Carlos Bermejo inaugura o catálogo do selo 'USC, editora'
O ensaio The Limits of Knowledge and the Limits of Science, do que é autor o catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo Barrera inaugura o catálogo de ‘USC, editora’, denominación comercial do selo editorial da institución académica compostelá creado a mediados do pasado ano.
Este primeiro volume de ‘USC, editora’ presentouse este martes 27 en Fonseca nun acto no que interviñeron a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; o propio autor do libro; o director académico do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Antonio Azaustre; e o director do mesmo, Juan Blanco.
USC Editora —que contempla as series Ensaio, Académica, Textos e Manuais— responde a unha práctica común nas máis importantes editoriais académicas e dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente polo Servizo de Publicacións que son sometidas a un rigoroso sistema de avaliación por expertos sempre alleos á USC e revisadas logo por especialistas propios, pertencentes á área científica correspondente.
O libro, redactado en inglés de cara a acadar un maior impacto e visibilización internacional da investigación, é un documentado e exhaustivo percorrido crítico acerca da posibilidade e límites do coñecemento, en xeral, e do coñecemento científico, en particular. Segundo explicou o director do servizo, o texto de Bermejo Barrera será ademais o primeiro que vai estar editado en formato e-book no sitio web do Servizo de Publicacións, nunha iniciativa da que en próximas datas se coñecerán máis datos.
USC, editoraAs propostas para os distintos tipos de publicación editados polo novo selo realizaranse cumprimentando o formulario que, para cada unha delas, se encontra na páxina web do Servizo de Publicacións. Con carácter xeral, deberán constar os datos persoais e académicos do solicitante, as súas publicacións máis recentes ou o seu currículo; unha descrición da proposta, con índice de capítulos e resumo dalgúns deles; unha explicación das razóns que xustifican o interese da publicación; o posible campo de lectores; as obras que tratan ese mesmo tema ou un semellante, e as diferenzas e novidades que a presente obra ofrece sobre elas. As propostas serán remitidas á Dirección Académica do Servizo de Publicacións da USC para iniciar o proceso de avaliación.
Tamén poderán ser publicadas baixo o selo ‘USC Editora’ as revistas científicas que ademais de cumprir os estándares de calidade esixidos polos organismos oficiais de avaliación teñan presenza nas máis destacadas bases e índices de referencia, tras ser examinada a súa situación pola Comisión de Publicacións. Neste senso, USC Editora acolle tamén dúas revistas universitarias que contan coas máis altas cualificacións en termos de impacto e indicadores de calidade Obradorio de Historia Moderna e Verba, Anuario Galego de Filoloxía.
Un amplo equipoEn ‘USC, Editora’ o director académico do SPIC será o supervisor das tarefas dos restantes integrantes do equipo, mentres que os editores se encargarán de coordinar a recepción e avaliación de orixinais e vixiarán a viabilidade da colección. Na área de Humanidades figura como editora Helena de Carlos Villamarín, en Ciencias Experimentais Alfonso Castiñeiras, en Sociais Anxo Serafín Porto Ucha, nas da Saúde Víctor Arce Vázquez e, por último, na edición de textos estará Juan Casas Rigall.
A Comisión de Publicacións responsable da aprobación final dos orixinais está composta por María Xosé Agra Romero, María Pilar Bermejo Barrera, Xoán Carmona Badía, José Antonio Costoya Puente, Luis Hervella Torrón, Mª Paz García Rubio, Elvira López Mosquera, Rosario Panadero Fontán, Antón Rodríguez Casal, Manuel Sanmartín Durán, Antonio Azaustre Galiana e Elvira Fidalgo Francisco.