Pasar al contenido principal

Bailaríns de ritmos latinos protagonizan un encontro con universitarios en Lugo

Lugo Cultural organiza estas xornadas na residencia Bal y Gay co fin de ampliar a oferta de lecer dos estudantes achegándolles diferentes experiencias artísticas

Os estudantes do Campus de Lugo poderán achegarse á danza a través dos ritmos latinos da man dos bailaríns Adrián Vidal, da academia Salsanova da Coruña, e Cristina da escola luguesa Fábrica de Sons, que lles presentarán as súas experiencias persoais e profesionais no mundo do baile.
Neste encontro, que se desenvolverá este martes 27 ás 21:30 horas na Residencia Universitaria Bal y Gay, os dous bailaríns farán tamén un breve repaso pola evolución dos ritmos latinos e mesmo iniciarán aos asistentes nos movementos da bachata e da salsa.
Esta xuntanza é a cuarta do ciclo de encontros que se desenvolverán ata o vindeiro mes de maio ao amparo do convenio Lugo Cultural co fin de que os estudantes lugueses amplíen a súa oferta de lecer ao tempo que se achegan ás experiencias de profesionais de diferentes campos artísticos, como a música, a danza ou o teatro.
Os bailarínsA traxectoria de Adrián Vidal no mundo do baile comeza no ano 2001, cando comeza a formarse con destacados profesionais como Geovani González (instrumentación), Sergio Ponte (interpretación musical aplicada ao baile), Carolina Blanco (flamenco), Alfred Gema (danzas afrocubanas) ou Marco González (tango).
Co paso do tempo Adrián decidiu centrarse nos ritmos latinos e especializouse en merengue, salsa en liña e cubana, chachachá e bachata, un estilo no que destaca especialmente e polo que é reclamado como pedagogo en países de todo o mundo.
No ano 2006, Adrián fundou na Coruña a academia Salsanova, na que se imparten diferentes disciplinas. Como coreógrafo levou a cabo máis de trinta coreografías que se bailaron en diferentes eventos oficiais e é o promotor dos máis importantes eventos de baile en Galicia, tanto de ritmos latinos como doutros estilos.
Actualmente traballa en diversas fusións dos ritmos latinos con outras disciplinas, como o flamenco, o break-dance ou os bailes de salón, e está preparando un musical sobre a historia da danza coa participación de bailaríns de toda Galicia e dunha orquestra formada por músicos do centro e do sur de América.
A súa compañeira no encontro deste martes con universitarios lugueses será Cristina, da escola Fábrica de Sons de Lugo. Cristina comeza no mundo da danza na Coruña, no ano 2000, da man de bailaríns de ritmos latinos como Joel Castro, Cheibany Ould Sidaty Malainin ou Jairo Giraldo.
A partires de aí, toma clases de danza africana, danza do ventre e mesmo das danzas árabes típicas tunecinas. Na actualidade céntrase na súa formación en ritmos latinos con Adrián Vidal e investiga o baile flamenco, dende as súas orixes, para integralo nun estilo propio, con infinidade de influencias e innovacións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2010.