Pasar al contenido principal

Constitúese este xoves en Santiago a agrupación estratéxica de Campus Vida

A iniciativa obtivo o recoñecemento ministerial de Campus de Excelencia Internacional

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, preside mañá xoves, día 18, o acto de constitución da Agrupación Estratéxica de Campus Vida e dos seus órganos de goberno toda vez que a iniciativa conseguiu o recoñecemento ministerial de Campus de Excelencia Internacional, contando co apoio expreso da Xunta de Galicia.
A xuntanza desenvolverase a partir das 10:00 horas no Edificio Emprendia do Campus Sur (esquina da Avenida Mestre Mateo coa Estrada de San Lourenzo) e nela intervirá tamén a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso quen, xunto co reitor, explicará os obxectivos e principais accións de Campus Vida para logo abrir un debate con todos os asistentes.
Da Agrupación Estratéxica de Campus Vida forman parte, entre outros, o Concello e o Consorcio de Santiago, o CHUS, o CSIC, o CIEMAT, o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, o Centro de Supercomputación de Galicia, o Parc Científic de Barcelona, a Fundación Empresa Universidade, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e as empresas Laboratorios Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab, Galchimia, Inditex, Zeltia, Almirall, Faes Farma e Banco Santander. Ademais, á reunión asisten representantes da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2010.