Pasar al contenido principal

As universidades galegas e do Norte de Portugal organizan o I Trofeo Interuniversitario de Remo da Eurorrexión

O río Miño á altura do Concello de Tui é o lugar elixido para celebrar o vindeiro 22 de maio o I Trofeo Interuniversitario de Remo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Na competición, unha iniciativa da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), participarán os equipos das universidades de Santiago, Vigo, A Coruña, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro.
A competición realizarase en barcos canoa-dragóns cun equipo mixto formado por 10 remeiros, un tamborileiro e un timonel. Estas embarcacións, típicas do Norte de Portugal, teñen unha gran espectacularidade ao ir surcando o río en función do tamborileiro que marca o camiño.
Coa súa celebración no Miño, que separa os territorios fronteirizos galegos e portugueses, a Fundación CEER pretende que o I Trofeo Interuniversitario de Remo sirva de posta en valor do patrimonio histórico, cultural e etnográfico da Eurorrexión. Participarán nel os seis equipos das universidades públicas de Galicia e o Norte de Portugal.
Para garantir a súa axeitada organización, o convenio foi subscrito polas seis universidades, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o Instituto do Deporte de Portugal, o Concello de Tui, a Cámara Municipal de Valença, as Federacións Galega e Portuguesa de Piragüismo, a Asociación de Piragüismo do Minho, Caixa Galicia e a Fundación CEER.
ExpectativasOs organizadores agardan converter o encontro no evento deportivo por excelencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, dado o interese mostrado por todas as partes involucradas. De feito, para o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás, “ a competición de remo debe ser unha ponte máis na relación entre deporte e coñecemento, entre Galicia e o Norte de Portugal e en definitiva un espazo de colaboración, esforzo e sacrificio”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2010.