Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago celebra eleccións o 5 de maio

Ademais do reitor ou reitora renovaranse tamén os representantes no Claustro e nos consellos de departamento

O mércores 5 de maio é a data fixada pola Comisión Electoral Central para a celebración das eleccións que decidirán o reitor ou reitora que dirixa a USC os vindeiros catro anos e os representantes no Claustro e nos consellos de departamento.
Na súa xuntanza de hoxe, a Comisión que preside Gumersindo Villar decidiu publicar este mércores 24 o censo electoral contra o que se deberán facer as pertinentes reclamacións antes do 8 de marzo. Dez días máis tarde farase público o censo definitivo. A partir de aí, do 20 de marzo ao 7 de abril establécese o prazo de presentación de candidaturas, coñecéndose as definitivas o día 19 dese mes.
Logo da campaña electoral, prevista do 20 de abril ao 3 de maio, e da votación (o día 5), será o 18 de maio cando se faga a proclamación definitiva dos candidatos á Reitoría e o 24 dese mesmo mes os dos órganos colexiados.
Segunda voltaDe non acadar maioría absoluta ningunha das candidaturas a reitor ou reitora, as dúas máis votadas concorrerán nunha segunda volta para a que se establecen catro novos días de campaña electoral –do 19 ao 22 de maio- e o 24 como nova data de votación. Neste caso, a proclamación definitiva será o 4 de xuño.
Tanto para a primeira como para a segunda volta haberá a posibilidade de exercer o voto anticipado, que será do 29 de abril ao 3 de maio e o 20 e 21 de maio, respectivamente.
Diversas eleccións e sectoresPara a elección do reitor ou reitora e dos representantes do Claustro os sectores electorais serán o Persoal Docente e Investigador (PDI) funcionario doutor, outro PDI (funcionario non doutor, profesorado contratado e outro PDI contratado), os investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, os estudantes de primeiro e segundo ciclo e o Persoal de Administración e Servizos (PAS).
Xa para os consellos de departamento os sectores son os de PDI non doutor con dedicación a tempo parcial e investigadores en formación, PAS, estudantes de terceiro ciclo e estudantes de primeiro e segundo ciclo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2010.