As universidades galegas e do Norte de Portugal marcan a folla de ruta da Eurorrexión do Coñecemento

Marcar a folla de ruta da Eurorrexión do Coñecemento. Esa foi a principal consigna da reunión do padroado do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) que tivo lugar na Universidade portuguesa do Minho, en Braga, e que, como explicou o director do CEER, Carlos Ferrás, serviu para impulsar o ámbito da Responsabilidade Social “insistindo na necesidade de cooperar, colaborar e crear sinerxías entre as comunidades universitarias de ambos os lados do Miño”.
Na xuntanza, o reitor da Universidade de Minho, António M. Cunha, asumiu a presidencia do CEER collendo así o relevo do seu homólogo compostelán Senén Barro. Este cambio da presidencia interprétase como un paso máis na consolidación do CEER como unha institución que procura dinamizar o coñecemento, a innovación e a ciencia en Galicia e no Norte de Portugal.
O reitor da USC indicou no acto que era preciso establecer pontes de coñecemento e “o CEER é un bo instrumento para tecer relacións entre as universidades de ambos os lados do Miño”. Trátase, dixo, “de continuar estreitando lazos e aumentar a colaboración no eido académico e así ser capaces de crear sinerxias que conleven a consecución da Eurorrexion do Coñeecemento”.
Ademais dos reitores, e vicerreitores nalgún caso, das universidades do CEER –as tres galegas e as do Norte de Portugal-, á reunión do padroado asistiron tamén a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, María Jesús Tallón; e o director e o secretario xeral da Fundación CEER, Carlos Ferrás e Miguel Sopas de Melo.
O encontro das seis universidades en Braga aproveitouse para asinar dous convenios de colaboración, un de mobilidade entre estudantes e profesorado das dúas rexións e outro que estableza as bases do 1º Trofeo Interuniversitario de Remo a celebrar no Río Miño, con carácter semellante á Oxford-Cambridge.
MobilidadeO acordo de mobilidade asinouse para facilitar o bo desenvolvemento do Programa de Mobilidade Eurorrexional para Estudos de Posgrao, unha iniciativa da Fundación CEER pola que os estudantes da Eurorrexión poderán realizar un semestre de estudos en calquera das outras cinco Universidades.
RemoCoa súa celebración no Miño, que separa os territorios fronteirizos galegos e portugueses, a Fundación CEER pretende que o I Trofeo Interuniversitario de Remo sirva de posta en valor do patrimonio histórico, cultural e etnográfico da Eurorrexión. Participarán nel os seis equipos das universidades públicas de Galicia e o Norte de Portugal.
Para garantir a súa axeitada organización, o convenio foi subscrito polas seis universidades, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o Instituto do Deporte de Portugal, o Concello de Tui, a Cámara Municipal de Valença, as Federacións Galega e Portuguesa de Piragüismo, a Asociación de Piragüismo do Minho, Caixa Galicia e a Fundación CEER.