Pasar al contenido principal

O Espazo de Danza da USC protagoniza o terceiro encontro con estudantes na Bal y Gay

Lugo Cultural organiza estas xornadas para achegar aos universitarios diferentes experiencias artísticas e ampliar a súa oferta de lecer

Os universitarios de Lugo poderán coñecer de primeira man o traballo e as experiencias persoais dos membros do Espazo de Danza da USC. Será no encontro que se desenvolverá este martes 6 ás 21:30 horas na Residencia Universitaria Bal y Gay.
Esta xuntanza é a terceira do ciclo de encontros que Lugo Cultural organizará ata o vindeiro mes de maio co fin de que os estudantes lugueses amplíen a súa oferta de lecer ao tempo que se achegan ás experiencias de profesionais de diferentes campos artísticos, como a música, a danza ou o teatro.
O Espazo de Danza da USC naceu en Lugo hai agora doce anos da man do seu director Juan Carlos Zahera e fixo a súa presentación oficial como un espazo aberto para a evolución do baile e a creación artística no Museo Provincial en decembro de 1997. O desenvolvemento deste grupo aportou á comunidade universitaria un espazo de formación, creación, experimentación, produción e distribución coreográfica, que se converteu en berce de recoñecidos bailaríns e bailarinas.
A Compañía de Danza da USC conta na actualidade coa participación dunha vintena de persoas, que están a traballar nunha nova coreografía que se estreará no marco do oitavo Encontro Universitario de Danza Contemporánea.
Ademais desta compañía, o Espazo de Danza conta con outros dous grupos independentes, Trinta’n-Pé e Cisma, de recente creación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.04.2010.