Pasar al contenido principal

O cuarteto Albéniz de Prosegur ofrece en Lugo un concerto dentro do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'

O cuarteto de corda Albéniz de Prosegur ofrecerá este luns 12 de abril ás 20:30 horas no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia de Lugo o cuarto concerto do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que se desenvolverá na cidade ata o vindeiro 13 de decembro.
Este cuarteto, creado no ano 2006 na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid, compóñeno Alma Olite (violín), Nelly Guevara (violín), Hindenburg Leka (viola) e Pablo Fernández (violonchelo). Os catro son alumnos do centro e reciben clases do profesor do Departamento de Cuartetos de Cámara do Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid, Heime Müller. Nos cursos 2006-2007 e 2008-2009, a agrupación foi distinguida como o mellor cuarteto de corda da súa escola.
Ao longo da súa traxectoria, o cuarteto Albéniz de Prosegur actuou na Fundación Carlos de Amberes, no Palacio do Marqués de Salamanca, no Museo do Prado, na Granxa de San Ildefonso de Segovia dentro do ‘Ciclo la Casa de las Flores’, no Círculo de Belas Artes de Madrid e mesmo no Festival Internacional de Música Sacra de Quito, en Ecuador.
O programa do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado por Lugo Cultural, continuará o día 10 de xuño coa actuación da Orquestra Rogelio Groba, e rematará o 13 de decembro coa presentación do novo disco do coro Solo Voces, un traballo que dedican integramente á cidade de Lugo facendo unha panorámica da música vocal composta na provincia nos dous últimos séculos. Todos os concertos teñen entrada gratuíta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2010.