Pasar al contenido principal

Un acordo entre a USC e MicroBank facilitará microcréditos ao colectivo universitario

A entidade financeira achegará dous millóns de euros para a creación e apoio ao emprego

A USC e MicroBank acaban de asinar un convenio para o establecemento de liñas de financiamento dirixidas a estudantes, licenciados e profesores universitarios para a creación de microempresas. A entidade financeira achegará dous millóns de euros a esta iniciativa.
A colaboración quedou formalizada este xoves 8 en San Xerome no transcurso dun acto protocolario no que interviñeron o reitor Senén Barro e o presidente de MicroBank José Francisco de Conrado y Villalonga, acompañados do delegado xeral de ‘la Caixa’ en Galicia, Marc Benhamou, e do vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Miguel Vázquez Taín.
A través deste acordo, a entidade financeira apoiará as necesidades de financiamento do colectivo universitario en materia de autoemprego, así como para o establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas e negocios de autónomos xurdidos no seo da comunidade universitaria. Para elo concederanse microcréditos atendendo fundamental á confianza na persoa e á viabilidade dos proxectos a desenvolver, podendo acceder a eles clientes carentes das garantías e avais requiridos polo sistema financeiro tradicional.
Deste xeito, Micro Bank diríxese a todas as persoas cuns recursos económicos limitados, co obxectivo de fomentar a actividade produtiva, o desenvolvemento persoal e a creación de emprego. Dende o inicio da súa actividade xa ten concedido 65.885 microcréditos por un importe de 424,3 millóns de euros, converténdose na entidade financeira que máis recursos destina á promoción de proxectos a través deste sistema.
Existen dúas posibilidades de financiamento, por unha banda os microcréditos sociais e financeiros destinados a autónomos, microempresas e emprendedores, e por outra, os familiares para atender as necesidades familiares que permitan superar dificultades temporais e faciliten o desenvolvemento persoal e familiar.
ProtocoloNo mesmo acto, Senén Barro e o delegado xeral de ‘la Caixa’ en Galicia, Marc Benhamou, asinaron nun protocolo de colaboración que permitirá traballar conxuntamente en proxectos encamiñados a fomentar a cultura emprendedora.
Deste xeito, ambas entidades van traballar na procura de fórmulas de concreción e cooperación económica no ámbito da difusión da cultura emprendedora, Woman Emprende, formación en creación de empresas, programas de intercambio de empresarios e emprendedores en países da UE, asesoramento a emprendedores ou co INBERSO (mercado alternativo de spin-offs no ámbito iberoamericano). Cada unha das liñas de acción que decidan acometerse precisará dos seus respectivos convenios específicos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2010.