Preto de 120 persoas asistirán en Lugo a unhas xornadas sobre experiencias innovadoras no medio rural galego
Presentar iniciativas e proxectos innovadores levados a cabo no medio rural galego dentro dun marco ambiental, económico, social e lingüístico sostible é o eixo das xornadas ‘Achegándonos ao medio rural’ que se desenvolverán este venres 9 e sábado 10 no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria de Lugo.
Preto de 120 persoas, principalmente estudantes de Veterinaria e das titulacións agrarias da Escola Politécnica Superior, inscribíronse neste encontro no que se darán a coñecer experiencias que inclúen medios de produción con aproveitamento de recursos locais e abaratamento de custos, así como proxectos innovadores de agricultura e gandería ecolóxica, conservación e mellora de razas autóctonas ou de comercialización en galego como distintivo de calidade.
A inauguración destas xornadas será este venres ás 9:30 horas e contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a responsable do gabinete provincial de Política Lingüística, Margarita Sánchez; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao; a decana de Veterinaria, Ana María Bravo del Moral; e a profesora da USC Marta López, en representación da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria, que organiza o encontro coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e dos Comités.
A Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, a Consellaría de Medio Rural, a Deputación Provincial de Lugo, a Facultade de Veterinaria, a Fundación Rof Codina e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia financian a actividade.
O programaAs xornadas ‘Achegándonos ao medio rural’ inclúen unha vintena de conferencias a cargo de veterinarios, agrónomos, economistas, empresarios e gandeiros. Dende a súa propia experiencia, os relatores analizarán a necesidade de formar profesionais preparados para acometer os importantes retos que se presentan no medio rural, co obxecto de que sexa moderno, emprendedor e capaz de liderar o desenvolvemento da sociedade galega, e presentarán destacadas experiencias de proxectos innovadores que se desenvolveron nos últimos tempos na nosa comunidade, como é o caso do proxecto ‘Ecoagroturismo Arqueixal’ ou do programa ‘Granxa familiar’.
Actividades abertas ao públicoAdemais dos relatorios, dirixidos ás persoas inscritas nas xornadas, o encontro incorpora tamén dúas táboas redondas, ás que pode asistir todo o público que así o desexe.
A primeira desenvolverase o venres a partir das 17:00 horas e contará coa participación dunha inspectora de Sanidade da Xunta de Galicia, María de los Ángeles Fernández, e dos xerentes de ‘Xestión Agrogandeira e Natureza’ e ‘Porco Celta A Fonsagrada’, Xan Poiluquen e Pablo Valledor, que debaterán sobre a modernización do medio rural galego.
No segundo coloquio, que terá lugar dende as 18:00 horas do sábado, analizarase o papel da lingua galega como ferramenta de traballo no medio rural. Nesta mesa participará o enxeñeiro agrónomo Xosé Pérez; o responsable do Centro Veterinario Meira, Fermín Rico; o veterinario e produtor de gando cacheno ecolóxico Enrique Gutiérrez; o xerente de ‘Ecoagroturismo Arqueixal’ Xosé Luís Carreira; e Xosé González, en representación da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística.