Pasar al contenido principal

Pediatras de toda España actualizan na USC coñecementos sobre endocrinoloxía

De esquerda a dereita, José María Martinón, Rosa Bermejo, Sánchez Lastres e Manuel Pombo
De esquerda a dereita, José María Martinón, Rosa Bermejo, Sánchez Lastres e Manuel Pombo
No XVII Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica

O XVII Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica organizado pola Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o catedrático Manuel Pombo Arias reúne en Santiago este venres a 120 pediatras de toda España, a súa maioría galegos. A inauguración celebrouse na Facultade de Medicina nun acto ao que, ademais do doutor Pombo, asistiron a xerente do CHUS, Rosa Bermejo; o presidente da Sociedade de Pediatría de Galicia, Sánchez Lastres; e o coordinador da área de Pediatría, José María Martinón.
Son en total unha mesa redonda e sete conferencias sobre diferentes cuestións relacionadas cos problemas máis actuais no campo da endocrinoloxía pediátrica as que conforman o curso. Na mesa redonda tratáronse as alteracións relacionadas co metabolismo do calcio con intervencións das doutoras Cabanas e Heredia, do Hospital Clínico Universitario de Santiago.
As conferencias comezaron coa doutora Castro Feijóo, do mesmo hospital, que falou da utilidade do diagnóstico xenético na talla baixa en base á experiencia acumulada ao longo destes anos nas Unidades de Endocrinoloxía Pediátrica e de Medicina Molecular, que non só levaron a poder tipificar unha patoloxía que antes, con frecuencia, se catalogaba como talla baixa de orixe descoñecida ou como talla baixa familiar, senón que tamén fixo posible a identificación de novas entidades.
A continuación, a doutora Albisu, do hospital Vall d´Hebrón de Barcelona, disertou sobre as posibilidades de intervención na obesidade, un campo no que leva anos desenvolvendo con éxito novas estratexias. Interveu tamén o doutor Yeste, que achegou un protocolo en relación co diagnóstico e o tratamento das hiperlipoproteinemias.
Pola súa parte, a doutora Vela, do hospital de Cruces de Baracaldo de Bilbao, tratou o tema da diabete insípida mentres que Álvez, de Santiago, expuxo unha cuestión eminentemente práctica como é a vulvovaxinite, unha patoloxía de presenza frecuente. Ademais, o doutor Barreiro, experto en diabete infantil, falou das alternativas actuais fronte a esta patoloxía.
A clausura do curso corre a cargo do doutor Pombo cun relatorio sobre a talla baixa e as dúbidas que aínda subsisten, tras máis de 35 anos de experiencia, en relación coa hormona de crecemento e a identificación daqueles pacientes subsidiarios de tal tipo de tratamento. Por iso para o catedrático compostelán, “máis que Comités Asesores Autonómicos de utilización terapéutica, o que deberían existir son unidades de referencia, que xa as hai para outras patoloxías, o que proporcionaría non só unha mellor asistencia dos pacientes senón tamén un aforro para o sistema público de saúde”.
Presentación libroO profesor Pombo é o editor da cuarta edición do Tratado de Endocrinoloxía Pediátrica, un libro que alcanzou moi ampla difusión internacional e que se presentará o 23 de abril ás 13:00 horas en Fonseca nun acto presidido polo reitor Barro e no que o presidente da Asociación Española de Pediatría, Serafín Málaga, pronunciará a conferencia ‘Quo Vadis Pediatría’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2010.