Pasar al contenido principal

A USC celebra o Día da Muller Traballadora cun concurso fotográfico

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC convida a toda a comunidade universitaria e a ex estudantes a participar no I Certame de fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’. Con el preténdese contribuír á realización de dúas accións recollidas no Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes da USC 2009-2011 como son a promoción da elección de especializacións non baseadas en estereotipos de xénero e a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.
Deste xeito, e para promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria, a USC busca sacar á luz o traballo que realmente realizan as mulleres e que historicamente se veu invisibilizando e deconstruír na medida do posible os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e os que o son de homes, á vez que motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional.
Coa elección da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson para dar nome a este proxecto recoñécese unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes e préstase atención á súa destacable obra, na que se inclúe un retrato da muller galega dos anos 20.
Requisitos e premiosAs fotografías, que poden presentarse ata o 18 de febreiro no Rexistro Xeral da USC, deben versar sobre a muller traballadora dende diversas perspectivas, premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe. As fotografías entregaranse en formato dixital, cunha resolución mínima de 300 ppp e un tamaño A3 ou A4.
O xurado seleccionará as vinte e cinco fotografías de maior calidade técnico-artística, coas que se realizará unha exposición itinerante por diversos centros da USC. De entre estas o xurado seleccionará as tres mellores, decisión que fará pública durante a primeira semana de marzo.
O primeiro premio ten unha dotación económica de mil euros e a utilización da fotografía como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora en 2011 pola USC; o segundo conseguirá oitocentos euros e o terceiro cincocentos. Os gañadores recibirán os seus premios nunha cerimonia a celebrar o 8 de marzo no Paraninfo da USC.
ExposiciónCoas vinte e cinco mellores fotografías seleccionadas organizarase unha exposición itinerante polas Facultades de Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación e as Bibliotecas Concepción Arenal de Santiago e Intercentros de Lugo.
O I certame de fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ está organizado desde a Oficina de Igualdade de Xénero pertencente á Vicerreitoría de Calidade e Planificación e conta coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura. O proxecto está financiado polo Fondo Social Europeo a través do Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.02.2010.