Pasar al contenido principal

A USC súmase ás campañas de axuda ás vítimas do terremoto de Haití

A Universidade de Santiago súmase ás campañas promovidas co obxecto de proporcionar axuda ás vítimas do terremoto que na madrugada do pasado martes afectou a Haití. Neste senso, e logo de contactar coa Xunta de Galicia e coa Unión Europea, estableceuse que o modo máis axeitado de canalizar a colaboración nestes momentos será a través da Coordinadora Galega de ONGD (CONGD) e da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.
O obxectivo é que a comunidade universitaria poda desenvolver a súa colaboración da maneira máis coordinada e efectiva posible, a través das distintas entidades que xa teñen proxectos e experiencias nestes temas.
Neste senso, o Servizo de Participación e Integración Universitaria, sinala que no enderezo da CONGD (http://www.galiciasolidaria.org) figuran as distintas entidades que dispoñen de números de conta abertos. Neste mesmo espazo web, as persoas interesadas poden atopar información actualizada e avalada pola propia CONGD, tendo acceso á información diversa e plural sobre a situación no país.
No caso de que a USC poña en marcha calquera outro tipo de dispositivo de axuda, será oportunamente informado á comunidade universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2010.