O fenómeno xacobeo como argumento para a aprendizaxe de idiomas
‘Estás in? Are you in?’. Con este lema, a USC pon este ano en marcha a terceira edición do Curso do Camiño de Santiago 2010, iniciativa formativa na que ao longo de dúas semanas os matriculados poderán mellorar os seus coñecementos de español e recibir clases na USC sobre diferentes aspectos do Camiño Xacobeo. O desenvolvemento das distintas sesións celebrarase en dúas quendas, a primeira entre o 31 de maio e o 11 de xuño e a segunda do 4 ao 15 de outubro, reservando a segunda semana para percorrer o tramo final do Camiño acompañados dun profesor.
O curso está a obter, segundo a dirección de Cursos Internacionais, unha excelente acollida entre as persoas interesadas en afondar no fenómeno xacobeo. Neste senso, o programa formativo presentouse en diversas feiras e congresos nos que se realizaron presentacións específicas aos potenciais alumnos.
O programa académico deseñado permite aos matriculados achegarse ás claves históricas, ao mito, ás lendas, aos símbolos e ás tradicións dunha das peregrinacións milenarias máis internacionalmente recoñecidas. A lingua española preséntase como un instrumento de comunicación para percorrer o camiño ao tempo que se dedica unha sesión á cultura galega; sesión altamente valorada polos anteriores participantes xa que “axuda a comprender o contexto patrimonial e socio-lingüístico da nosa comunidade”, afirman dende Cursos Internacionais. Para iso, simultanearanse clases de lingua impartidas por especialistas do ensino do español como lingua estranxeira con seminarios sobre o Camiño, clases prácticas e aulas itinerantes, actividades culturais, acceso gratuíto aos servizos universitarios e aloxamento en habitación dobre e media pensión.
Esta é unhas das actividades principais de Cursos Internacionais para o presente ano, á que hai que engadir os xa habituais cursos de lingua e cultura española para estranxeiros así como os de fins específicos, ao longo de todo o período académico. Trátase dos cursos de español dos negocios; turismo, gastronomía; e cursos de formación para profesores de ELE (Español e Lingua Estranxeira), todos eles en Compostela. Pola súa banda, en Lugo e por vez primeira, as persoas interesadas poderán optar por dúas propostas: Español e Ciencias Medioambientais ou Español e Ciencias da Saúde.
Estes últimos conforman, unha oferta xa estable na programación académica deseñada co máximo rigor e coa vontade de satisfacer as necesidades específicas dos profesionais dunha serie de sectores puntuais.