Pasar al contenido principal

Especialistas de máis de trinta países presentarán en Lugo técnicas de teledetección que melloren a xestión forestal

Baixo o epígrafe ‘Operational tools in forestry using remote sensing techniques’ persoal investigador, empresas e organismos estatais de máis de 30 países presentarán en Lugo no congreso ForestSAT 2010 técnicas e métodos de teledetección aplicados á xestión forestal. Á cita acudirán máis de cen asistentes, entre os que se atopan científicos de recoñecido prestixio internacional, profesionais do sector forestal, persoal investigador dos principais centros de investigación nacionais e internacionais e estudantes universitarios de catro continentes. Trátase de dar a coñecer técnicas aplicadas ao uso de sensores remotos que melloren a xestión territorial en xeral e a forestal en particular tendo sempre en conta o uso múltiple do monte, desde o seu enfoque máis produtivista ata o seu papel máis social, sen perder de vista a súa importancia como fonte de biodiversidade e a súa función no secuestro de CO 2. O encontro internacional, a desenvolver entre os días 6 e 10 de setembro, será tamén unha oportunidade para que tanto os usuarios como os que desenvolven estas tecnoloxías acheguen as súas opinións acerca de futuras melloras. Neste sentido, contémplase o desenvolvemento dunha mesa redonda orientada ás empresas do sector e facilítase a presenza dos organismos máis relacionados a través de stands. Cen traballos Presentaranse neste evento máis de cen traballos de contrastada calidade que mediante o emprego de sensores remotos e outras novas tecnoloxías permitan mellorar a devandita xestión desde diferentes orientacións. Así, trataranse cuestións relacionadas co inventario forestal e a estimación de biomasa; riscos naturais e sanidade forestal; fusión de datos e integración; elaboración de cartografía e Infraestruturas de Datos Espaciais (IDEs); representación e captura de variables 3D; e redución de Emisións provocadas por Deforestación e Degradación forestal (REDD). No ámbito destas temáticas confirmaron xa a súa participación en calidade de relatores convidados expertos de recoñecido prestixio como Pedro Duque (DEIMOS Imaging), Ron Eastman (Idrisi), Ross Nelson (NASA) e Manuel Gallego (SITGA). O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior e a Aula Magna do Campus de Lugo, na Facultade de Veterinaria, acollerán este evento científico organizado polo Laboratorio do Territorio da USC –integrado por docentes e persoal investigador de diversas áreas de coñecemento da USC- e o Forest Research.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.08.2010.