Pasar al contenido principal

O proxecto Granxafamiliar centra unhas xornadas sobre as posibilidades que o comercio electrónico brinda aos alimentos tradicionais

O proxecto Granxafamiliar centra unhas xornadas sobre as posibilidades que o comercio electrónico brinda aos alimentos tradicionais
O proxecto Granxafamiliar centra unhas xornadas sobre as posibilidades que o comercio electrónico brinda aos alimentos tradicionais

Produtores, técnicos e consumidores participan este venres 19 nas xornadas ‘Granxa Familiar, alimentos tradicionais e comercio electrónico’ nas que terán a oportunidade de coñecer as alternativas que brinda a produción agrícola tradicional e ecolóxica e as novas formas de venda de comercio electrónico. Promoven esta actividade formativa a Asociación para o Desenvolvemento Agrícola Familiar de Galicia (ADAF) e o grupo GIS-T IDEGA da Universidade de Santiago. A xornada ten como finalidade impulsar o desenvolvemento socioeconómico e difundir a utilización das novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións no medio rural galego, co obxecto de mellorar a calidade de vida e pór en valor a cultura rural. O coordinador técnico do Observatorio pola Cibersociedade e de proxectos de CitiLab-Cornellá, Enric Senabre, será quen abra a quenda de intervención a partir das 9:00 horas, no Auditorio do centro sociocultural O Ensanche, presentando experiencias de comercialización de produtos agrarios tradicionais a través de internet en Cataluña. Deseguido, o catedrático de Xeografía da Universidade de Cork, Patrick O’Flanagan, tomará a palabra para pronunciar o relatorio ‘A revolución dixital en Irlanda: perspectivas do medio rural en Irlanda’. Continuando na presentación de experiencias innovadores fóra de Galicia, o coordinador do proxecto Granxafamiliar en Italia dará conta do alcance deste proxecto no Sur de Italia. Da asociación Lentura, Afonso Touceda achegará a experiencia do mercado de Lusco e Fusco en Santiago, ofrecendo a visión dende as asociacións de consumidores responsables. A partir das 10:30 horas a responsable de Promoción Económica do Consello de Santiago, Carme Casado, explicará as tendencias de consumo neste concello, para dar paso á conferencia que o director de Granxafamiliar, o profesor Carlos Ferrás, pronunciará sobre o proceso de conformación de Granxafamiliar e as formas de comercio alternativo a través de internet. Completando a xornada, entre as 12:00 e as 14:00 horas, celebraranse unha mesa redonda coa participación de todos os conferenciantes da xornada para abordar o futuro da agricultura familiar e as posibilidades que lle pode reportar o comercio electrónico. O desenvolvemento deste programa conta co financiamento da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e o Plan Avanza e a colaboración do Concello de Santiago, o proxecto Anatole, Adterra e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2010.