Pasar al contenido principal

A xornada científica Cesga-HPCN desenvólvese na Facultade de Matemáticas da USC

A xornada científica anual CESGA High Performance Computing and Networking 2010, que pon en contacto a grupos de investigación e empresas interesadas en innovación mediante ferramentas computacionais, desenvólvese este xoves na Facultade de Matemáticas da USC. O acto inaugural tivo lugar baixo a presidencia do reitor Juan Casares e nel interviron tamén a decana do centro anfitrión, Victoria Otero; o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; e o director xerente do Cesga, Javier garcía Tobío. É moi destacable a presenza de empresas, centros tecnolóxicos e centros públicos de investigación nesta xornada. Así, Marcos Sotillo, de Portos do Estado, explica o desenvolvemento do novo Sistema Europeo de Predición Mariña na Costa Atlántica, unha cooperación científico-técnica na simulación da análise do medio mariño para a construción de modelos en oceanografía. Pola súa banda, o Centro Nacional de Enerxías renovables de España fala da innovación no campo da Aerodinámica a través de proxectos comerciais e de investigación que están a desenvolver para crear unha nova xeración de aeroxeradores empregando simulación numérica no seu deseño. Grupos de investigación internacionais usuarios do CESGA presentan ademais casos de uso do supercomputador FinisTerrae, como a recente investigación para busca de novos fármacos contra a malaria ou o Proxecto DrugsForAgeing, de identificación de dianas farmacolóxicas e compostos inhibidores que poidan empregarse no desenvolvemento de novos fármacos contra o Alzheimer.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2010.