O Consello de Goberno aproba este xoves os sistemas de garantía interna de calidade de trece centros
O Consello de Goberno, na xuntanza deste xoves 27, someterá a aprobación os manuais do Sistema de Garantía Interna de Calidade de trece centros da USC, 8 de Santiago e 5 de Lugo, continuando así co proceso iniciado xa hai case dous anos polo que xa hai facultades e escolas que dispoñen do seu.
Na reunión, que comezará ás 9:30 horas no Salón Reitoral de San Xerome, trataranse moitos outros asuntos como as modificacións nas prazas do Máster de Secundaria e no límite dalgunhas titulacións oficiais, o calendario e criterios para a aprobación de másters a implantar no curso 2011-12 ou o informe de auditoría da Memoria Económica de 2009.
O Consello terá tamén que dar o visto bo á modificación da RPT de PAS, de prazas de PDI e mobilidade intercampus, á resolución da convocatoria de sabáticos 10-11 e de profesorado emérito, á modificación do calendario de implantación do Grao en Medicina, á proposta de nomeamento de Andrés Torres Queiruga como profesor Ad Honorem, aos criterios de admisión por cambio de universidade e de estudos universitarios nos estudos de grao, á modificación do curso ponte do Grao en Enxeñaría Informática e á creación da Cátedra de Acción e Cobertura Social.
A orde do día complétase, entre outros temas, cos criterios para o reparto da cantidade orzamentada para a partida específica dos estudos de doutoramento, a modificación do documento de creación da Escola de doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde ou a proposta de creación e regulamento do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da información.