Unha alumna de ADE de Lugo recolle o martes o premio do concurso de ideas para a imaxe da campaña de matrícula da USC do vindeiro curso
A idea ‘Creamos futuro’ da alumna da Diplomatura de Ciencias Empresariais de Lugo Noelia Rodríguez Rivera será a imaxe da campaña de matrícula da USC para o curso académico 2010-2011. O deseño destinarase á difusión e promoción dos estudos da USC tales como carteis, folletos ou web.
Esta estudante resultou a gañadora do concurso de ideas que convocou a Oficina de Información Universitaria (OIU) e ao que se presentaron 44 propostas. Ademais do primeiro premio, concedéuselle un accésit ao estudante do IES de Sar Ángel Morón Parcero pola súa iniciativa ‘Un camiño seguro para a elección do teu futuro’.
Ambos os dous recibirán os seus premios -1.000 euros para a gañadora e 500 para o accésit- nun acto a desenvolver este martes, 18 de maio, ás 11:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
Ao acto, que preside o reitor Senén Barro, asisten o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; e os membros do xurado Isabel Braña Tobío, Luís Celeiro Álvarez, Francisco Colomer Fariña, Luis Hervella Torrón e Marta Pérez Pereiro.