A Sociedad de Economía Mundial reúnese a vindeira semana en Santiago na súa cita anual
Baixo o lema ‘Camiños para superar a crise global’, a Sociedade de Economía Mundial celebrará entre os días 26 e 28 de maio en Santiago a súa duodécima reunión anual.
A Sociedad de Economía Mundial é unha asociación científica fundada en 1999 na I Reunión de Economía Mundial que tivo lugar na Universidade de Huelva. Desde ese momento adquiriu unha dimensión internacional coa incorporación de socios de España, México, Brasil, Arxentina, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Portugal, Reino Unido, Suíza, Francia, Alemaña, Israel ou Marrocos, sendo hoxe socios máis de 250 profesores universitarios, investigadores, empresarios, consultores, asesores e funcionarios internacionais.
As Reunións desta Sociedade son un foro internacional, aberto a diferentes enfoques e opinións, no que se presentan e discuten investigacións que teñen por obxecto a análise da economía mundial. Agora, despois de once xuntanzas por toda España, a Sociedade de Economía Mundial trae a décimo segunda á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, co profesor Xavier vence como presidente do comité organizador.
Nesta cita de Santiago participarán máis de cen investigadores da economía mundial de distintos países, na súa maioría membros da Sociedade de Economía Mundial. Aquí debaterán sobre os principais aspectos da economía mundial, aínda que facendo especial fincapé na problemática e posibles camiños de saída da actual crise global. Outros temas de traballo serán os retos e desafíos do transporte marítimo no contexto mundial e o crecemento económico e as desigualdades.