Pasar al contenido principal

Antón Lamazares recibiu a Insignia de Ouro da USC

O reitor Senén Barro impúxolle a Insignia a Lamazares en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O reitor Senén Barro impúxolle a Insignia a Lamazares en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta de Galicia asistiu ao acto, no que Enrique Beotas presentou o libro Lamazares. Apuntes íntimos

O pintor galego Antón Lamazares (Lalín, 1954) acaba de engadir ao seu currículo a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, que lle foi entregada nunha cerimonia no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Ademais do pintor lalinense, interviñeron no acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o reitor da Universidade compostelá, Senén Barro.
Concedida a quen sobresaía dun xeito especial nos servizos prestados á institución, a Insignia da USC é un recoñecemento, neste caso, “á persoa, ao artista e ao mecenas” sinalou o reitor tras a imposición da distinción. Lamazares, proseguiu Barro, “é un rapaz de aldea que se foi facendo adulto no mundo”.
Na semblanza realizada polo reitor destaca o Lamazares artista, “cuxos lenzos, dun modo ou doutro o devolven eternamente á aldea galega da que nunca marchou, reflicte na súa obra a terra súa e as raíces que nela afondan”. Neste senso, “cunha personalidade vibrante, brillante, cunha forma e imaxinación prodixiosas, de ocorrencias máxicas e oníricas”, prosegue Barro, “é capaz de enraizarse na mesma Nova York usando as raíces natais da súa aldea”.
Poeta de pluma-pincel, así se referiu Barro a Lamazares ao trazar un percorrido pola vinculación entre o artista e a institución, facendo referencia á recente doazón realizada á USC do cadro A cadra das sete yemas, actualmente instalado no Centro de Estudos Avanzados. A incorporación desta obra aos fondos da USC “agranda unha universidade grande en patrimonio e en saber acumulado”, unha institución “que nada posúe se non é en beneficio da sociedade á que serve”.
Os de aldea somos xente necesaria nesta historia“Orgulloso e tímido, gustaríame ser máis fresco e máis luminoso. Estoume preparando para conseguilo. Son sanguíneo e carnal, algo intuitivo, ancestral... Estou calado de vida. Escoitarme a min mesmo respirar faime sentir vivo, e non digamos se consigo visualizar a sangue movéndose polos meus dedos... Como a todos os de aldea me gustan a farra, o traballo e soñar. Non encaixo moi ben na cidade nin no ritmo que se leva hoxe, e non por místico, pois precisamente non o son. O que ocorre é que os de aldea somos xente necesaria nesta historia. Así que, cando chegue abril, que as miñas flores sexan bonitas”.
Este é o autorretrato que o propio artista fai de si mesmo no libro Lamazares. Apuntes íntimos, presentado a través dunha serie de entradas a modo de dicionario que percorrer a biografía do pintor lalinense e no que tamén se inclúe unha reprodución da obra ‘Casa das sete yemas’.
O libro presentouse tamén este xoves no mesmo acto de imposición da Insignia de Ouro, coa asistencia do escritor e xornalista Enrique Beotas autor da obra xunto a Sergio Casquet e Pedro Sempere. Definindo o libro como “un retrato de letra e luz transformadas en apuntes íntimos” do pintor, Senén Barro agradeceu o poder participar neste proxecto no que “Lamazares e a USC se atopan no camiño e se recoñecen como amigos”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2010.