A USC colabora nun estudo que demostra que nanopartículas de prata poden mitigar o efecto do etanol nas células
A revista Journal of the American Chemical Society (JACS) publica hoxe en portada un artigo no que se demostra que nanopartículas formadas por poucos átomos de prata evitan os danos celulares provocados polo etanol. O traballo foi liderado por investigadores da Universidade de Barcelona e levouse a cabo en colaboración co Laboratorio de Magnetismo e Nanotecnoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
“Os resultados do estudo mostran que estas agrupacións de poucos átomos de prata oxidan o etanol en concentracións similares ás que se atopan no sangue dos enfermos alcohólicos, e fano, ademais, en valores de potencial de membrana e de pH compatibles cos das células dos mamíferos”, explica Gustavo Egea, catedrático do Departamento de Bioloxía Celular, Inmunoloxía e Neurociencias da Facultade de Medicina da UB e investigador adscrito do Instituto de Nanociencias e Nanotecnoloxía (IN2UB) e do Instituto de Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer (IDIBAPS).
No estudo aplicáronse as nanopartículas de prata a astrocitos expostos a etanol. Este tipo de células acompaña ás neuronas e trátase dun modelo celular amplamente utilizado para o estudo das bases fisiopatolóxicas do alcol no contexto da síndrome alcohólica fetal, enfermidade que aparece en nados e nenos de nais alcohólicas, e que comporta múltiples e severas deficiencias neurolóxicas.
O alcol ten un efecto especialmente nocivo sobre as células neurais e concretamente no caso dos astrocitos induce un proceso de apoptose ou morte programada e unha alteración do citoesqueleto de actina. Despois da aplicación das nanopartículas de prata sobre células expostas a etanol obsérvase unha mellora significativa do citoesqueleto de actina e evítase a apoptosis. “Así, o efecto nocivo do etanol sobre os astrocitos vese mitigado polas nanopartículas de prata que actuarían como un axente citoprotector”, aclara Javier Selva, profesor do mesmo departamento e primeiro autor do artigo.
O traballo combina o estudo das propiedades electrocatalíticas das nanopartículas de prata coa súa potencial aplicación biolóxica. “Este é un campo prometedor da electroquímica aplicada á bioloxía celular, no que se utilizan as propiedades diferenciais das nanopartículas formadas por poucos átomos, e que se coñecen xenericamente como agrupacións atómicas”, explica Gustavo Egea.
Os autores viron tamén que as nanopartículas preveñen os defectos provocados por outros alcois primarios, por exemplo o metanol ou o butanol, pero non para outros axentes tóxicos como o peróxido de hidróxeno.