Pasar al contenido principal

Sarria, Muros e Santiago próximos destinos da Universidade de Verán 2010

O vindeiro luns comezan tres novos cursos de verán nestas localidades

Sarria, Muros e Santiago son as sedes dos cursos de tres novos cursos que comezarán o vindeiro luns. Os seus programas son un achegamento ao Camiño de Santiago dende o punto de vista da comunicación e a normativa; a mediación lingüística e a integración de inmigrantes en Galicia a través da escola, a sanidade e a empresa; e ao contexto e contido da educación social nos servizos sociais. Ás 9:30 horas arrancará na Sala de Xunta da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) o curso ‘ Os espazos de vida cotiá, contexto e contido da Educación Social nos Servizos Sociais’. Na sesión inaugural estarán presentes a vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante; o decano da Facultade, Lois Ferradas; a concelleira de Benestar de Santiago, Mar Martín; e o catedrático Antonio Caride Gómez, director do Grupo de Investigación SEPA. No programa abordarase a necesidade e posibilidades de contextualizar a acción socioeducativa desenvolvida no marco dos Servizos Sociais nos diversos contextos de vida cotiá da cidadanía, domicilio familiar, centros cívicos, rúa ou centros educativos. Organizado polas profesoras e investigadoras Carmen Morán, Laura Cruz, Lucia Iglesias e Laura Varela, o curso propón unha reflexión sobre a aproximación dos profesionais aos espazos de vida cotiá, “alí onde se fan visibles as dificultades, pero tamén as potencialidades para o exercicio dos dereitos cidadáns e a mellora das condicións de dignidade e calidade de vida, obxectivo prioritarios dos servizos sociais”, sinalan as responsables desta acción formativa. Mediación Lingüística e inmigrantes Á mesma hora, pero na Casa da Cultura do Concello de Muros, comeza o curso 'Mediación lingüística e integración de inmigrantes en Galicia: escola, sanidade e empresa'. Á inauguración deste curso asistirán o subdirector xeral de Xestión do Programa Retorno e Inmigración da Xunta de Galicia, Antonio Aguarón; a deputación provincial da Deputación da Coruña, Rosana Pérez Fernández; o alcalde do Concello de Muros Domingos Dosil; e a directora do Curso Carme Silva. Difundir o concepto de mediador intercultural e lingüístico como instrumento esencial para a integración dos estranxeiros residentes en Galicia e a evitación da xenofobia. Trátase dun dos obxectivos deste curso que se estenderán en Muros ata o 28 de xullo. No desenvolvemento do seu programa analizarase tamén o funcionamento dos procesos de mediación levados a cabo por ONG, empresas privadas e entidades públicas no territorio estatal, tanto no contexto escolar como no sanitario, e a visibilizar o papel dos inmigrantes como mediadores espontáneos. Camiño de Santiago, comunicación e normativa A comunicación e a normativa relacionada co Camiño de Santiago serán os temas a debater no curso de verán que tamén comeza o vindeiro luns 26 a partir das 11:30 horas no Salón de Plenos do Concello de Sarria, nun acto ao que asistirán o director do curso, Luís Celeiro Álvarez, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido. Profesores da USC, xornalistas e profesionais da economía e do turismo participarán nunha ducia de relatorios e mesas redondas sobre as orixes históricas da peregrinación e os seus horizontes dixitais, a información e os factores noticiosos no Camiño ou as políticas de comunicación e a propiedade intelectual.

Os asistentes a este seminario poderán tamén visitar lugares destacados da comarca luguesa como é o caso do Mosteiro de Samos, a igrexa de Barbadelo ou O Alto da Pedra, onde terá lugar un recital de poesía en homenaxe ao escritor Uxío Novoneira.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.07.2010.