Pasar al contenido principal

O grupo de investigación GIS-T organiza un máster en Sociedade da Información e do Coñecemento

O grupo de investigación GIS-T Idega organizará o vindeiro curso académico o máster on-line en Sociedade da Información e do Coñecemento, no que se porá en valor a importancia das TIC na sociedade actual, entendidas como ferramentas estratéxicas capaces de desenvolver social, cultural e economicamente unha cidade, municipio, rexión ou territorio en xeral. Este posgrao propio conta dunha dobre orientación, profesional e investigadora. No primeiro caso o obxectivo é impulsar a innovación definindo e cubrindo novos postos de traballo na empresa, na administración e nas comunidades locais con alumnos especializados en desenvolvemento económico e social e novas tecnoloxías. No eido da investigación, o obxectivo é formar a investigadores de excelencia especializados no estudo dos impactos das TIC en empresas, institucións, organismos públicos e privados e na sociedade e no territorio en xeral. O profesorado encargado de impartir as sesións conta cunha ampla experiencia no mundo da empresa e na investigación, estando relacionados con tres grupos de investigación da USC, como son os de Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; Novos Medios; e Sistemas Intelixentes e Análise de Modelización Económica. É un máster eminentemente práctico que formará ao seu alumnado no deseño e xestión avanzada de páxinas web, produción de recursos multimedia de vídeo, son e fotografía dixital así como o contacto co mundo laboral coa opción de poder realizar estadías de prácticas en diversas empresas, institucións ou mesmo grupos de investigación. Nesta terceira edición, o máster conta coa colaboración da Fundación Fullbright e a Comisión de Intercambio Cultural e Educativo e Científico España-Estados Unidos, así como coa participación de profesorado especializado de universidades estadounidenses en temas de telecomunicacións e desenvolvemento territorial.

Cunha carga lectiva de 60 créditos, o curso impartirase entre o 15 de novembro e o 30 de setembro de 2011. A preinscrición deberá formalizarse do 1 de setembro ao 4 de novembro. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do grupo de investigación GIS-T.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.07.2010.