O Banco Mundial selecciona a un investigador da USC para publicar un estudo económico sobre a xestión cooperativa de lura entre Arxentina e as Malvinas
O economista e investigador da USC Sebastián Villasante e o prestixioso economista africano Ussif Rashid Sumaila, director do Fisheries Centre da Universidade British Columbia de Canadá, foron premiados e seleccionados polo Banco Mundial para presentar unha investigación sobre os beneficios económicos da xestión cooperativa de pota arxentina (Illex argentinus) no océano Atlántico Sur.
A investigación, froito da tese doutoral defendida por Villasante baixo a dirección da profesora María do Carme García-Negro, foi un dos seis traballos seleccionados entre 500 investigacións procedentes de todo o mundo para ser publicada conxuntamente cos estudos de Premios Nobel como Joseph Stiglitz, Eric Maskin, Kenneth Arrow e Elin Ostrom, na Conferencia do Banco Mundial en homenaxe ao profesor Sir Partha Dasgupta que se celebrará en Estocolmo durante este mes de maio.
O traballo científico aborda a necesidade de preservar o ecosistema da plataforma continental arxentina, e en particular a sustentabilidade de pota arxentina no Atlántico Sur. Para iso, o estudo realiza unha aplicación empírica da teoría de xogos co obxecto de estimar os beneficios económicos nun escenario de cooperativo e non cooperativo entre Arxentina e as Illas Falklands (Malvinas). De acordo con Sebastián Villasante, “esta é a primeira vez que se realiza un estudo económico da pesqueira de pota na zona, que reviste un gran interese para as empresas pesqueiras galegas, dado que se trata do caladoiro de cefalópodos máis produtivo do mundo”. Ademais, apunta o investigador, “trátase dunha pesqueira na que a comunidade científica está a realizar novas exploracións para investigar se a redución do recrutamento do stock dos últimos anos débese á sobreexplotación, aos efectos do cambio climático ou a ambos á vez”.
O estudo confirma non só a natureza preditiva da teoría de xogos no ámbito da economía pesqueira, senón tamén a existencia dunha situación non cooperativa ou competitiva na explotación de pota entre Arxentina e as Falklands, “o que prexudica a conservación do stock”. Os resultados da investigación demostran que se ambas as partes cooperan o valor descontado neto dos beneficios económicos sería notablemente superior. Ademais, no suposto de cooperación, os beneficios repercutirían tamén na sustentabilidade do stock, xa que se reduciría o esforzo pesqueiro e a súa biomasa melloraría substancialmente explica Villasante. “Todo isto –explica Villasante- reviste unha gran importancia xa que, segundo as análises científicas, os stocks sobreexplotados habitualmente presentan unha maior vulnerabilidade aos efectos do cambio climático”.
O premiadoSebastián Villasante, doutor en Economía pola USC, foi investigador visitante da Universidade de British Columbia (Canadá), da Standford University (USA), da School of Environmental Science (UK) e do Beijer Institute of Ecological Economics e o Stockholm Resilience Centre (Suecia).
A súa investigación céntrase no estudo dos efectos das actividades humanas sobre os ecosistemas mariños desde a perspectiva da economía e a ecoloxía, en particular o estudo da socioeconomía da pesca, a aplicación de indicadores de sustentabilidade para monitorear a perda de biodiversidade mariña e a gobernanza das pesqueiras en Europa e América Latina.
É consultor e asesor experto de programas de investigación do United Nations Environmental Program, o Swedish Agency for Cooperation Development, o Canadian International Development Research Center, o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de España e o Instituto Nacional de Investigación e Desenvolvemento Pesqueiro de Arxentina. É ademais membro da American Fisheries Society, a International Society of Ecological Economics, o International Institute of Fisheries Economics and Trade e a European Association of Environmental and Resources Economics.
Recentemente foi galardoado co I Premio INESMA avogando pola conservación dos ecosistemas mariños no litoral de Galicia.