Pasar al contenido principal

A USC ofrecerá o vindeiro curso un máster oficial en Arquitectura da paisaxe

De esquerda a dereita, Isabel Iglesias, José Manuel Andrade, Javier Bueno e Isabel Aguirre
De esquerda a dereita, Isabel Iglesias, José Manuel Andrade, Javier Bueno e Isabel Aguirre
O programa interuniversitario financiado pola Fundación Juana de Vega adáptase ao Espazo Europeo de Educación Superior

Formar especialistas no deseño, planificación e xestión de contornos naturais é o obxectivo do novo Máster Oficial en Arquitectura da paisaxe, unha transformación do título propio das Universidades de Santiago e A Coruña que se imparte dende hai catro anos e que agora se adapta ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Neste programa interuniversitario, que promove e financia a Fundación Juana de Vega, participan a Escola Politécnica Superior de Lugo e a área de Xeografía da USC xunto á Escola Politécnica Superior de Arquitectura Técnica da UDC.
O novo máster en Arquitectura da paisaxe pretende converterse en referente da formación de arquitectos paisaxistas en España. O seu programa abrangue a planificación, a análise e o deseño da paisaxe en xeral, o uso da vexetación, e todo o que se refire á integración de proxectos de infraestruturas no entorno natural. Ademais, este curso aborda tamén a execución e posterior mantemento, xestión, conservación e restauración da paisaxe, tanto pública como privada, no medio urbano, rural e forestal.
Profesores da USC, da Universidade da Coruña e doutras universidades españolas, así como arquitectos paisaxistas de países como Portugal, Reino Unido ou Escocia, e profesionais do ámbito privado con ampla experiencia en actuacións sobre a paisaxe participarán neste máster que se impartirá en dous cuadrimestres, de luns a venres en horario de tarde, na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros (A Coruña).
Este renovado curso de posgrao presentárono este martes na Escola Politécnica Superior de Lugo a súa coordinadora na USC, María Isabel Iglesias; o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Javier Bueno; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre.
Destinatarios e matrículaO máster en Arquitectura da paisaxe conta un total de vinte prazas, que se dirixen principalmente a arquitectos, biólogos, xeógrafos, xeólogos e a enxeñeiros agrónomos, de montes, de camiños, de minas ou de canles e portos. Tamén poderán ser admitidos, logo de valorarse o seu currículo, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos agrícolas, forestais, de obras públicas ou enxeñeiros técnicos de minas que acrediten tres anos de experiencia profesional nunha empresa pública ou privada.
Os interesados en realizar este máster poden matricularse nas Universidades de Santiago e da Coruña nos prazos establecidos por cada institución.
O másterA formación en arquitectura da paisaxe está amplamente estendida e constitúe en moitos países unha titulación universitaria de grao dende hai moitos anos.
O Máster de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega nace no ano 2006, froito dun convenio de colaboración entre a USC, a Universidade da Coruña e a Fundación Juana de Vega, co ánimo de cubrir o burato formativo que existía no sistema universitario español e galego en relación á disciplina da arquitectura da paisaxe e os coñecementos a ela vinculados.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2010.