Pasar al contenido principal

Estudantes da USC organizan un obradoiro de cociña ecolóxica

O obradoiro tivo o pasado curso a súa primeira edición
O obradoiro tivo o pasado curso a súa primeira edición
'Porque comendo tamén podemos ser sostibles'

Bolseiros e bolseiras do Plan de Desenvolvemento Sostible levarán a cabo o vindeiro 11 de maio, ás 16:00 no comedor da residencia universitaria Burgo das Nacións, o segundo obradoiro de cociña ecolóxica para estudantes da USC, continuando co celebrado o curso pasado.
No curso elaboraranse pratos con produtos ecolóxicos á vez que se ensinará o seu valor non só en base á súa calidade e prezo senón tamén polo seu impacto ambiental e social e pola conduta das empresas que os elaboran. Como explican responsables do curso, “ao ir ao supermercado non somos conscientes de que o noso consumo, na maioría das ocasións, é sinónimo de “esgotamento”; non temos en conta as repercusións dos nosos procesos de abastecemento de bens e servizos para o medio e as persoas que habitan no planeta”.
O curso será impartido por Sabela Ábalo, membro da asociación ecoloxista Verdegaia. Tamén se porá a disposición dos asistentes material onde poderán atopar as diferentes tendas con produtos ecolóxicos de Santiago e información para poñerse en contacto coas cooperativas de consumo ecolóxico e responsable de Galicia.
O número de prazas está limitado a 15 por mor da capacidade da instalación. A inscrición pode facerse enviando un e-mail a tallercocinaecoloxica [at] gmail.com (tallercocinaecoloxica[at]gmail[dot]com) indicando nome completo, facultade ou escola e número de teléfono. A admisión farase por orde de solicitude e só serán admitidos membros da comunidade universitaria.
O obradoiro de cociña ecolóxica está incluído nas múltiples actividades do programa de divulgación sobre a pegada ecolóxica que está a levar a cabo a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC en colaboración coa Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Educación Ambiental.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2010.