A Aula de Teatro da USC gaña o premio do espectador da 15ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

A Aula de Teatro da Universidade de Santiago recibiu o Premio do Espectador na 15ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) celebrada entre o 11 e o 29 de abril deste ano.
O público, que emitía o voto xusto ao remate das representacións, recoñeceu entre as 17 que entraban a concurso a obra ‘As cuñadas’ de Tremblay, con dirección e adaptación literaria libre de Roberto Salgueiro, director da Aula de Teatro da USC.
As cuñadasO texto orixinal basea a súa acción no ano 1968 en Quebec, onde un grupo de mulleres se reúne para pegar uns cupóns cos que foi premiada unha delas por uns grandes almacéns. Nesta versión, a acción desenvólvese na cidade da Coruña no ano 1977, apenas chegada a democracia.
Trátase dunha comedia con algúns momentos musicais que xira ao redor da vida dun grupo de mulleres que, neste encontro na casa da muller premiada, deixarán que as súas inquedanzas, teimas e problemas xurdan de maneira imprevisible. A visita dun personaxe inesperado fará que as cousas collan un rumbo que xamais ningunha delas esperaría. En definitiva, esta comedia trata de reflexionar se, coa perspectiva dos anos, a situación da muller mudou ou non tanto como se pretende.