Pasar al contenido principal

As tres universidades galegas sentan as bases para cooperar en docencia, investigación e financiamento

As universidades galegas “asumen o compromiso de traballar de maneira coordinada para ter unha contribución máis eficiente e eficaz a prol dos seus obxectivos, en resposta ás demandas da sociedade e dos seus axentes económicos, sociais, políticos, culturais...”. Este é o punto de partida do acordo marco de cooperación asinado este venres 7 en Compostela polas Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo.
No Colexio de San Xerome déronse cita os tres reitores, Senén Barro (USC), José Mª Barja (UdC) e Alberto Gago (UVigo) para subscribir un documento que regula a cooperación das súas respectivas institucións en materia de educación, investigación e financiamento. O acordo marco considera que o Sistema Universitario Galego (SUG) necesita promover unha política universitaria integral “que aumente a complementariedade e a cooperación docente e investigadora” e que “dote ás universidades dun financiamento axeitado aos seus fins”.
Se ben “parece obvio que estas iniciativas de cooperación deberan ser especialmente apoiadas e en moitos casos lideradas polas administracións públicas, en particular pola autonómica”, para ser máis competitivos individual e colectivamente, continua o acordo, “as universidades non podemos permanecer impasibles vendo como noutros países as iniciativas de cooperación e agrupación de recursos están á orde do día, lideradas e firmemente apoiadas polos gobernos”. Neste senso, “Galicia necesita máis da intelixencia colectiva para estar no grupo dos países máis desenvolvidos na sociedade do coñecemento”.
DocenciaUnha oferta docente universitaria de calidade esixe cada vez de máis e mellores recursos. Esta realidade, segundo o acordo subscrito, demanda “a concreción de fórmulas de coordinación e colaboración” para optimizar os recursos humanos e materiais dispoñibles no SUG, “sen menoscabo da autonomía e da identidade de cada universidade”. Deste xeito, as universidades galegas colaborarán cos recursos dos que dispoñen na docencia de graos dos que carecen.
Mentres que a colaboración en másteres e doutoramentos xa é frecuente, nos graos será necesario “un marco de regulación específico”. Así, nos casos nos que unha universidade dispoña de recursos humanos ou materiais que puidesen ser postos a disposición da docencia dun grao impartido por outra universidade do SUG, poderá establecerse un convenio específico que regule esta colaboración. Neste senso, a colaboración “non require diluír compromisos, adscricións ou responsabilidades xa establecidas” e o alumnado, o programa de estudos ou a expedición de títulos serán responsabilidade da universidade que posúa o título. Ademais, ábrense as portas a unha oferta compartida de graos de carácter interuniversitario.
InvestigaciónAs tres universidades galegas identificarán individual e colectivamente aquelas áreas de especialización da súa actividade de I+D+i, nas que resulta especialmente competitiva e potencialmente de excelencia. Trátase de detectar os ámbitos nos que o SUG acumula potencia científica suficiente para facer apostas distintivas e con expectativas de futuro. O Campus Vida, da USC; o Campus Mariño, da UVigo; e o Campus de Edificación e a construción sostibles, da UdC, representan un primeiro achegamento a este obxectivo.
Polo acordo, as universidades expresan a súa vontade de “reforzarse mutuamente nas súas respectivas iniciativas individuais”, o que de inmediato significará a presentación de candidaturas do SUG en próximas convocatorias de Campus de Excelencia.
Ademais, “dando un paso máis alá do terreo da colaboración estratéxica”, as universidades impulsarán tres niveis de colaboración. O primeiro a través das infraestruturas de investigación singulares de ámbito autonómico e natureza singular. Outro sería o dos centros singulares de investigación, vinculados a universidades e campus específicos pero dispoñibles en convocatorias abertas para a incorporación de grupos das outras universidades. Finalmente, buscaranse fórmulas de cooperación en rede entre unidades estruturais fisicamente non integradas nas estruturas anteriores.
FinanciamentoO Sistema Universitario Galego é un dos peor financiados do Estado. A idea recóllese no capítulo que o acordo marco subscrito dedica especificamente a financiamento. Neste senso e mentres non entre en vigor un novo Plan de Financiamento, “no que se debe comezar a traballar de forma inmediata”, os tres reitores galegos coinciden en demandar do goberno galego “un esforzo económico suficiente para que as nosas universidades non perdan oportunidades nin debiliten as súas capacidades docentes, de investigación e de transferencia de resultados no histórico momento de integración ao EEES”.
A pesar do esforzo e da responsabilidade manifestada polas institucións académicas galegas neste senso, “non podemos facer máis con menos, e ignorar ou desatender sen máis as necesidades das universidades leva sen remisión a debilitar a súa eficacia como institucións imprescindibles e centrais nunha sociedade que aspira a ter unha maior calidade de vida”.
O acordo reclama igualmente do goberno galego un “firme compromiso” no cofinanciamento dos polos ou contornos científico-tecnolóxicos singulares, “en particular das infraestruturas e centros singulares de investigación máis desenvolvidos”.
Conclúe o texto, subliñando que “Galicia enteira ten o dereito a esixirlle aos seus gobernantes e ás súas universidades que traballen dende o diálogo e a cooperación, e máis no actual escenario económico, para aspirar a ter unha sociedade mellor e máis desenvolvida”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2010.