Pasar al contenido principal

Estudantes de 13 e 14 anos porán a proba a súa habilidade matemática este sábado en Lugo

Esta sesión na Escola de Profesorado supón a última etapa do proxecto ESTALMAT

A Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo acolle este sábado día 8, dende as 10:00 ás 14:00 horas, unha nova sesión neste curso do proxecto ESTALMAT PI, a última etapa do programa ESTALMAT-GALICIA que pilota a Facultade de Matemáticas da USC co fin de detectar e estimular o talento matemático en estudantes galegos.
Na presentación oficial da xornada participarán o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Carlos Herrero Latorre; o presidente do Comité Organizador de ESTALMAT-GALICIA e vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da USC, Juan Viaño Rey; a coordinadora xeral do Comité Organizador de ESTALMAT-GALICIA, Mercedes Feijoo Díaz; e os profesores responsables de ESTALMAT PI, Víctor Pollán Fernández e Jesús Calvo Rovira. Tamén asistirán o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Xosé Antón Bao Abelleira; e o director da Escola Universitaria de Formación de Profesorado, Modesto Rodríguez Neira.
Esta sesión do proxecto, que ten a súa sede operativa en Lugo, correrá a cargo do matemático e reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, que falará sobre a aplicación das matemáticas nos calendarios.
O profesor Barja Pérez convidará aos rapaces a reflexionar sobre o feito de que o tempo é o único dos ritmos principais da actividade humana totalmente independente da natureza, xa que se basea tan só na regularidade matemática. Explicará, por exemplo, que saber cando coincide o Corpus ou cando comeza a Feira de Abril son cuestións que se poden resolver cun chisco de álxebra e se automatizan cunhas poucas filas dunha folla de cálculo.
Proxecto ESTALMATESTALMAT-GALICIA selecciona cada ano mediante unha proba a vintecinco estudantes galegos de 12 e 13 anos para participar en actividades matemáticas no Campus de Santiago nas mañás dos sábados durante dous anos académicos.
A seguinte fase, ESTALMAT PI, diríxese xa aos alumnos de 13 e 14 anos que remataron esas sesións, co obxecto de estimular as súas habilidades especiais para as matemáticas e de xeito que non perdan o contacto nin o interese pola materia. Esta segunda fase dura outros dous cursos, nos que se imparten un total de seis sesións que inclúen conferencias sobre temas matemáticos de interese e obradoiros con diversas actividades para que os estudantes participen de xeito individual ou en grupo.
Con esta programación cada grupo de alumnado permanece no proxecto durante catro anos, o que permite acadar os obxectivos fixados no documento institucional de ESTALMAT-GALICIA: estimular e apoiar as actitudes positivas e as habilidades especiais que estes estudantes teñen cara ás matemáticas, desenvolver ao máximo as súas capacidades, ampliar a súa formación matemática con temas interesantes e motivadores, dar unha visión humanista da materia e facilitar as ferramentas e recursos persoais necesarios para que os alumnos e alumnas sigan aprendendo por eles mesmos.
Un proxecto consolidadoO proxecto ESTALMAT-GALICIA contou dende os seus inicios co apoio económico que, a través de ESTALMAT-ESPAÑA e a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, se xestionaron coa Fundación Vodafone-España, co Proxecto Enxeño Mathematica, co Programa Consolider e co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O proxecto recibe tamén financiamento das Deputacións de Lugo e A Coruña.
A primeira sesión de ESTALMAT PI celebrouse o pasado mes de novembro no Observatorio Astronómico de Santa Cruz-Casa da Ría de Ribadeo, e correu a cargo do profesor e director do ‘Observatorio Astronómico Ramón M. Aller’ da USC, José Docobo. A segunda, que se prevía celebrar en Lugo coa participación do profesor do Departamento de Matemáticas da Universidade do País Vasco, Pedro Alegría Ezquerra, e do mago e membro da Asociación Ilusionistas de Álava, Juan Ruíz de Arcuate, tivo que ser suspendida por causa dun temporal.
O profesor do Departamento de Álxebra da USC Felipe Gago Couso dirixirá a cuarta e última sesión do proxecto neste ano académico, que se celebrará nunha sede aínda por determinar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2010.