A exposición de fotografías de Carlos Valcarcel pódese ver en Veterinaria ata o 27 de maio
A exposición ‘Carlos Valcárcel. Fotografías 1969-2001’ manterase ata o vindeiro xoves 27 de maio na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, onde se pode visitar en horario de 9:00 a 21:00 horas de luns a venres.
A mostra compóñena cincuenta e oito fotografías dun total de setenta e cinco que o artista lugués realizou dende hai máis de corenta anos en diferentes celebracións e paisaxes de Galicia e que decidiu ceder á USC.
Estas imaxes, feitas con cámara analóxica e en branco e negro, teñen un destacado valor etnolóxico, xa que permiten facer un percorrido pola historia de Galicia nos últimos corenta anos a través das súas paisaxes e as súas xentes. Entre as obras expostas figuran algunhas da feira de Monterroso dos anos 60, das festas de San Froilán ou da situación do poboado xitano do Carqueixo na década dos 70, singulares imaxes dalgunhas das máis coñecidas praias luguesas e mesmo unha fotografía tomada ao escritor Uxío Novoneyra acendendo un cigarro na porta da súa casa.
Carlos Valcárcel explicou no momento da súa doazón, a mediados do mes de abril, que decidiu ceder estas fotografías aos fondos da USC porque considera que “pola súa labor social e cultural é o lugar máis axeitado” para conservar e divulgar unha parte importante da súa obra que supón unha “pequena historia da sociedade galega”.