Pasar al contenido principal

Inaugúranse este mércores tres cursos de verán da USC en Santiago, Lugo e Guitiriz

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

A eficacia da axuda e as súas implicacións para a cooperación española ao desenvolvemento, o deseño e execución de instalacións industriais, e ‘Paisaxes naturais, paisaxes culturais’ son os temas dos tres cursos de verán que este mércores 21 comezan en Santiago, Lugo e Guitiriz. Campus de Santiago O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Patxi Vázquez; a secretaria de organización do PSOE, Leire Pajín; e a vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante, inaugurarán este mércores 21 ás 17:15 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o curso de verán ‘O debate sobre a eficacia da axuda e as súas implicacións para a cooperación española ao desenvolvemento’. O obxectivo deste seminario é contribuír a que os participantes se atopen nas mellores condicións para elevar a eficacia da axuda para o desenvolvemento dende aquelas institucións nas que prestan os seus servizos, nun momento no que a cantidade da axuda española se dobrou, pasando dende os dous mil millóns de euros en 2004 aos máis de cinco mil millóns previstos para este ano. Campus de Lugo Tamén este mércores ás 9:15 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias terá lugar a apertura do curso ‘Xornadas sobre deseño e execución de instalacións industriais’ coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director de Cofrico, José Luís Fernández; e os directores do curso, o decano de Ciencias, Francisco Fraga López, e o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera Gómez. Este seminario contará coa participación de nove enxeñeiros que abordarán a posta en marcha de instalacións de gases licuados de petróleo así como de instalacións eléctricas, frigoríficas, térmicas, neumáticas e de climatización. Guitiriz Na Casa Habanera de Guitiriz inaugurarase ás 10:30 horas o curso ‘Paisaxes naturais, paisaxes culturais’ coa asistencia do vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego; a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez; e o profesor e director da actividade, Roxelio Pérez Moreira.

Especialistas en xestión ambiental impartirán na vila luguesa un total de once relatorios para afondar na biodiversidade e na transformación da paisaxe galega co paso do tempo, e na súa representación en manifestacións artísticas como a pintura, o cine ou a poesía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.07.2010.