Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación reflexionará sobre os espazos de vida cotiá na perspectiva da educación social

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Os espazos de vida cotiá, contexto e contido da Educación Social nos Servizos Sociais’ é o lema do curso de verán que aborda a necesidade e posibilidades de contextualizar a acción socioeducativa desenvolvida no marco dos Servizos Sociais nos diversos contextos de vida cotiá da cidadanía, domicilio familiar, centros cívicos, rúa ou centros educativos. Organizado polas profesoras e investigadoras Carmen Morán, Laura Cruz, Lucia Iglesias e Laura Varela, o curso propón unha reflexión sobre a aproximación dos profesionais aos espazos de vida cotiá, “alí onde se fan visibles as dificultades, pero tamén as potencialidades para o exercicio dos dereitos cidadáns e a mellora das condicións de dignidade e calidade de vida, obxectivo prioritarios dos servizos sociais”, sinalan as responsables desta acción formativa. No seu cadro de relatores, o curso conta con representantes do ámbito da política, especialistas académicos e profesionais dos servizos sociais e expertos en dinámicas de teatro social, o que segundo as súas responsables favorecerá a creación dun foro dinámico de aprendizaxe e ensinanza compartido. No abano de temas sobre os que se profundará figuran os contextos de acción socioeducativa nos servizos sociais, con especial atención ás experiencias en domicilios familiares e en centros educativos e cívicos; os espazos de comunicación; experiencias de teatro social nos servizos sociais; ou experiencias de medidas xudiciais en medio aberto, entre outros asuntos.

Este curso vaise celebrar os días 26 e 27 de xullo na Sala de Xuntas da Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida, cunha carga lectiva de 16 horas. Para acadar máis información as persoas interesadas tamén poden dirixirse á paxina web do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.07.2010.