Pasar al contenido principal

Comeza este luns en Lugo un curso sobre o uso da informática na alimentación do gando vacún

A aplicación de sistemas informáticos para a optimización da alimentación do gando vacún segundo os diferentes estados fisiolóxicos e produtivos do animal centrará a primeira edición do curso práctico sobre ‘Alimentación de vacún leiteiro con aplicación de software informático’ que este luns 19 comeza na Aula 1 de Informática da Escola Politécnica Superior de Lugo. O acto inaugural terá lugar ás 16:00 horas coa presenza do director da escola universitaria, Javier Bueno, e do coordinador do curso e profesor do Departamento de Anatomía e Produción Animal da Facultade de Veterinaria do campus lugués, Ignacio García Lara. Preto de trinta persoas, principalmente estudantes e titulados en Veterinaria e nas Enxeñarías Agrónoma e Técnica Agrícola, asistirán a estas xornadas que impartirán catedráticos da USC e representantes das principais empresas españolas veterinarias expertas en nutrición, en horario de 16:00 a 22.00 horas. Estas sesións combinarán a teoría coa práctica de xeito que permitirán aos asistentes afondar en cuestións como as necesidades alimentarias do gando vacún ou as características das forraxes e dos pensos, ao tempo que aprenden a manexar o software Sizirac que fai posible, por exemplo, a formulación das racións de alimento nas explotacións gandeiras. A alimentación é un dos factores que máis inflúe na produción e na rendibilidade dunha granxa de gando vacún leiteiro e a informática estase a converter na ferramenta imprescindible para a elaboración das racións destinadas a cubrir as necesidades alimenticias do animal nas súas diferentes etapas produtivas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2010.