Analizan en Ribadeo o deseño de agroecosistemas sostibles
Coñecer os factores a ter en conta á hora de deseñar agroecosistemas sostibles é o obxectivo principal do curso que se impartirá os días 22 e 23 de xullo na Casa do Mar de Ribadeo baixo a dirección dos profesores Xosé Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias. A primeira xornada deste seminario terá un carácter eminentemente práctico coa visita dos participantes á cooperativa Os Irmandiños, a unha explotación gandeira intensiva, a outra forestal e a unha finca ecolóxica, co fin de que poidan coñecer e analizar a súa orixe, problemas e perspectivas de futuro. O curso continuará o segundo día cunha serie de relatorios a cargo de seis especialistas en agricultura e gandería ecolóxica, que abordarán nas súas intervencións temas como a posta en marcha de agroecosistemas sostibles, os ciclos esixidos na agricultura ecolóxica ou a produción de leite. Esta actividade ten unha duración de quince horas e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, a Fundación Cetal, a Deputación Provincial de Lugo, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), o Centro de Estudios Rurais e de Agricultura Internacional (CERAI) e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
Toda a información sobre este curso estival pódese consultar na páxina www.usc.es/cultura/uveran37_10.htm.