Profesionais da conservación coñecen en Xeografía e Historia as novidades en documentación métrica
Unha trintena de profesionais da conservación do patrimonio, a arquitectura, a enxeñaría ou a topografía, entre outros, participan nas xornadas inauguradas este mércores na Aula 3 da Facultade de Xeografía e Historia sobre a virtualización de obxectos mediante nubes de puntos de alta densidade con ‘Photomodeler Scanner’. A xuntanza, que se vai estender ata o próximo venres 24, permite difundir unha técnica de documentación métrica (fotoescanner) aplicada por vez primeira en Galicia no levantamento virtual do Castro de Formigueiros, do que se encargou un equipo de investigadores da Escola Politécnica Superior de Lugo. A tecnoloxía empregada supón unha técnica versátil e moi sinxela de aplicar na documentación, análise e difusión do patrimonio, axudando substancialmente no estudo, comprensión e interpretación do patrimonio por parte de arqueólogos, conservadores e xestores patrimoniais. Articuladas en dous módulos, no segundo algúns expertos nacionais mostrarán os seus traballos e debaterán sobre as características, posibilidades e limitacións do fotoescanner.